Subliña o importante labor que están a realizar nestes momentos tan difíciles as entidades que traballan neste eido
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe o importante labor que están a realizar nestes momentos tan difíciles as entidades que traballan na inclusión social e laboral de persoas que se encontran nunha situación de vulnerabilidade. Durante a visita que realizou esta mañá á sede da asociación Poten100mos, situada na cidade da Coruña, o responsable do departamento autonómico destacou o esforzo que a Xunta está a facer para garantir o mantemento e posta en marcha de novos programas e actividades da entidade, que este ano superará os 200.000 euros.
Arturo Parrado aproveitou para coñecer os novos servizos que presta a entidade, entre os que se atopan as sesións individuais de inclusión básica e á transición ao emprego. Nelas axúdase ás persoas a buscar recursos como a vivenda ou alimentos, impúlsase o seu desenvolvemento persoal e póñense en marcha outras iniciativas como o reforzo escolar aos nenos e nenas.
Ademais, o director xeral aproveitou a visita para manter unha reunión co presidente da asociación, José Manuel González León, na que abordaron diferentes cuestións como os esforzos realizados durante este ano de pandemia ou as liñas de axudas e subvencións que desde a Xunta de Galicia se están poñendo en marcha.
30.000 tarxetas básicas
Pola súa parte, Arturo Parrado recordou as diferentes iniciativas que o Goberno galego puxo en marcha para facer fronte ás necesidades máis urxentes. Así, puxo en valor a Tarxeta Básica, unha axuda pioneira que busca dar unha resposta áxil e urxente ás familias. De feito, na actualidade xa se concederon máis de 30.000 destas tarxetas para a compra de produtos básicos.
Nesta liña, salientou o traballo conxunto que se está a realizar coas entidades sociais para apoiar ás persoas máis vulnerables desde o inicio da pandemia. Un compromiso que a Xunta de Galicia demostra unha vez máis nos orzamentos dedicados deste ano á área de Inclusión. Destínanse 125,5 millóns de euros a este eido, a contía máis elevada da súa historia, e un 4,5% máis que o ano pasado.