Thursday 21 de November de 2024

A Biblioteca da Xunta na Coruña conmemora o centenario de Emilia Pado Bazán cunha exposición con obras orixinais de autora


A mostra ‘O reto dunha feminista da súa época: 1851-1921’ inaugurada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, poderá verse ata finais de mes

Complétase cun itinerario literario que afonda no pensamento da escritora a través dunha escolma de frases que poden lerse nos chanzos das escaleiras

Enmárcase na programación institucional para conmemorar a efeméride durante todo este ano, que terá como acto central unha exposición en outubro na Coruña

A Biblioteca da Xunta na Coruña Miguel González Garcés rende homenaxe a Emilia Pardo Bazán a través dun itinerario literario polas súas instalacións que inclúe un percorrido pola nova exposición inaugurada hoxe, O reto dunha feminista da súa época: 1851-1921 que amosa obras orixinais. Complétase con pezas coa visión da autora sobre a Coruña en frases escollidas e a iniciativa enmárcase na programación institucional posta en marcha durante este ano para conmemorar o centenario do pasamento da autora.

Coincidindo co día no que se celebra a efeméride, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, foi o encargado de inaugurar hoxe a mostra, que está composta por publicacións orixinais de Pardo Bazán pertencentes aos fondos da biblioteca. Trátase, dixo, “dunha mostra para todos os públicos que se converte nunha oportunidade de achegar unha parte importante da obra literaria de Pardo Bazán desde a segunda metade do século XIX ata o primeiro terzo do XX, onde deixa unha forte pegada da visión feminista e a prol da igualdade”, expresou.

A exposición –que pode verse ata o 31 de maio- fai un repaso de como era a cidade na época de Emilia Pardo Bazán e tamén inclúe información sobre a escritora e a súa familia. Recóllense, ademais, artigos publicados por ela na prensa escrita, así como algunhas das súas obras orixinais que se conservan no fondo da biblioteca. O itinerario literario continúa cunha serie de frases escollidas que poden lerse nos chanzos das escaleiras e que reflicten a visión que Emilia Pardo Bazán tiña de Marineda, nome literario co que ela falaba da Coruña.

A homenaxe á escritora coruñesa complétase co itinerario por nove das súas obras con carteis das imaxes das portadas das primeiras edicións de La cuestión palpitante, La tribuna, La dama joven, Los pazos de Ulloa, La madre naturaleza, De mi tierra, La piedra angular, Cuentos de Marineda e Cuentos de amor.

Máis de 40 actividades
O itinerario literario encádrase na programación posta en marcha en Galicia para conmemorar esta efeméride, con máis de 40 actividades entre exposicións, congresos internacionais así como unha trintena de actividades de formación e divulgación que se están a celebrar durante este ano.

O acto central será a mostra que viaxará de Madrid á Coruña, con máis de 200 pezas e que se exhibirá no Kiosco Alfonso do 22 de outubro ao 18 de decembro. Está comisariada por Isabel Burdiel, lévase a cabo pola Xunta, a Biblioteca Nacional, Acción Cultural Española, Comunidad de Madrid e a Real Academia Galega.

Entre outras iniciativas, tamén se emprenderá un importante traballo de divulgación e promoción da súa obra nas plataformas dixitais. Así, lanzarase un novo micrositio con 85 das súas obras dixitalizadas o que supón que se porá a disposición do público unhas 1.700 páxinas das obras da autora. Poderá consultarse en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia. A Biblioteca de Galicia tamén editará 17 publicacións dixitais inéditas ata o momento, convertidas en formato libro electrónico e que non estaban dispoñibles en ningunha institución española.