Friday 22 de November de 2024

A Xunta valora o esforzo da hostalería na implantación dos códigos QR para garantir as medidas sanitarias e a seguridade dos clientes


Máis de 15.500 establecementos realizaron máis de 56.000 declaracións de capacidade desde que se puxo en marcha o Plan de Hostalería Segura

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destacou no Parlamento de Galicia a implicación do sector no uso desta ferramenta, pactado coa hostalería e sen custe para os usuarios

O presidente primeiro da Xunta destacou hoxe no Parlamento de Galicia o esforzo da hostalería na implantación dos códigos QR para garantir as medidas sanitarias e a seguridade dos clientes, unha ferramenta cuxo uso foi pactado co sector dentro das medidas do Plan de Hostalería Segura.

Alfonso Rueda corroborou ese compromiso do sector no feito de que, desde a entrada en vigor do Plan de Hostalería Segura, máis de 15.500 establecementos fixeron máis de 56.000 declaracións de capacidade.

A implantación desta ferramenta foi unha das medidas adoptadas no plan de reactivación da hostalería pactado co sector para acadar a máxima seguridade no acceso aos establecementos, facilitar o rastrexo de posibles gromos e posibilitar o control no cumprimento das disposicións sanitarias vixentes, co obxectivo de reducir os contaxios e trasladar aos clientes unha imaxe de seguridade que lles permitise volver con tranquilidade aos establecementos hostaleiros.

O vicepresidente primeiro recordou que a ferramenta é de uso obrigatorio para o sector porque percibiuse como a solución “máis sinxela, práctica e de escaso custe para os locais de hostalería, e moi útil para os seus clientes”, que poden utilizala de xeito gratuíto e voluntario. Habilitouse, ademais, outra solución alternativa para aqueles clientes que non dispuxeran de aplicación PassCovid e que poden rexistrar os seus datos igualmente nos establecementos.

Na súa comparecencia na Cámara galega subliñou que as novas tecnoloxías “brindan unha grande oportunidade” para a loita contra a pandemia, como ocorre neste caso cos códigos QR e coa plataforma PassCovid, “garantindo en todo momento a protección de datos de carácter persoal dos cidadáns e sen facer un seguimento de localización dos usuarios”.

Rueda ratificou o compromiso co sector no feito de que a Xunta completará neste mes de maio o pago de 110 millóns en axudas directas á hostalería e ao turismo galego nas diferentes liñas habilitadas para apoiar aos máis prexudicados pola crise. Ademais dos 90 millóns que lles corresponden dos plans de rescate, o Goberno galego mobilizou outros 20 máis en axudas para o ocio nocturno, as reformas nas terrazas e na restauración, a organización de eventos, as axencias de viaxes e os guías turísticos.