Friday 22 de November de 2024

A Xunta lembra aos cidadáns a importancia de avisar ao teléfono 012 da presenza de niños de vespa velutina para frear o seu avance


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, abordou hoxe o plan de loita da Xunta contra esta especie nunha webinar organizada pola Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental

Ao abeiro deste plan acordado coa Fegamp, o equipo de Seaga encargado da encomenda retirou o ano pasado máis de 20.000 niños e no que vai de ano leva eliminados e neutralizados 355

A Xunta renovou este ano o encargo que conta con 300 concellos adheridos, 15 máis que os 285 do ano pasado que supoñen o 96% dos municipios galegos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, lembrou a importancia, de que os cidadáns avisen no Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 cando detecten un niño de vespa velutina para minimizar o seu impacto e frear o seu avance en Galicia, sobre todo nesta época do ano que coincide coa súa maior proliferación. Así o indicou durante a súa intervención por videoconferencia no webinar A vespa asiática, “vespa velutina”: situación actual en España, control e problemática asociada, organizada pola Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental (Anecpla).

Na súa ponencia abordou o Plan centralizado de retirada de niños de vespa velutina da Xunta en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), posto en marcha o ano pasado co obxectivo precisamente –sinalou- de minimizar o seu impacto redobrando esforzos cunha solución homoxénea e acadar unha maior eficacia na loita contra esta especie.

Deste xeito, a Xunta asume as tarefas de retirada de niños a través da encomenda á empresa pública Seaga, que supuxo o ano pasado a retirada de mais de 20.000 niños nos 285 concellos galegos –o 90% do total- adheridos ao plan. Ademais, a atención aos avisos e a retirada dos niños por parte do operativo de Seaga mantívose durante o estado de alarma decretado pola pandemia do coronavirus garantindo tódalas medidas de seguridade.

Debido aos bos resultados deste primeiro ano, o Goberno galego renovou o encargo a Seaga para continuar neste 2021 cos traballos de eliminación e neutralización dos niños. Como proba do éxito da iniciativa, aos 285 concellos adheridos en 2020, sumáronse outros 15, polo que a Xunta intervén neste exercicio en 300, o 96% dos municipios galegos.

No que vai de ano, os efectivos de Seaga retiraron 355 niños dos 2.720 avisos recibidos. Cómpre aclarar, que case 1.700 dos avisos correspondíanse con niños inactivos, en439 non procede actuación por tratarse doutras especies ou non visualizarse de forma directa e outros 200 son avisos duplicados xa comunicados por outros cidadáns.

Ao igual que o ano pasado, a empresa conta cun equipo de coordinación que organiza aos efectivos de intervención, dotados de todos o material necesario para realizar o seu traballo coa máxima seguridade. De feito, o ano pasado a Xunta investiu 55.000 euros na adquisición de novas marcadoras de aire comprimido de gran alcance, pértegas de fibra de carbono e bombas de batería para a impulsión de biocida, co obxectivo de facilitar unha rápida e máis eficiente intervención.

O prazo de actuación continúa sendo de 5 días hábiles salvo se existen dificultades para o acceso ou se requiren actuacións complementarias ou permisos de propietarios ou administrativos. Seaga tamén colabora co 112 Galicia, que activa os servizos de emerxencias de xeito inmediato cando os niños se atopan no interior das vivendas ou en lugares singulares ou de pública concorrencia.

Natalia Prieto lembrou que os cidadáns son informados dos traballos realizados case en tempo real, tanto para planificar a visita do persoal de campo e despois de acudir ao lugar do aviso reciben unha mensaxe no seu teléfono do estado da actuación.