Saturday 16 de November de 2024

En vigor desde hoxe os novos límites de velocidade nas zonas urbanas


O concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños; a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; e a xefa provincial da DXT, Victoria Gómez Dobarro, desprazáronse esta mañá ata o Campus Vida, unha das zonas nas que cambia o límite de velocidade, para dar conta da entrada en vigor hoxe das novas normas de circulación.

Estas medidas, cuxa filosofía “non é outra que a seguridade vial”, como referiu a xefa provincial de Tráfico, implican a redución de 50 a 30 km/hora naquelas vías urbanas cun só carril por sentido de circulación, e a 20km/hora naquelas nas que as beirarrúas estean ao mesmo nivel da calzada. A norma tamén permite a redución a 20 naquelas zonas nas que os concellos o consideren conveniente, como é o caso do Campus Vida, “porque entendemos que é unha zona con moito tránsito peonil, por onde a xente pasea e fai deporte e onde conflúen facultades, garderías, etc”, sinalou o concelleiro de Mobilidade. Gonzalo Muiños lembrou que en Santiago non se producen atropelos mortais dende hai 7 anos e apuntou que “seguiremos traballando para baixar o número de vítimas nas vía urbanas e para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de ir máis amodo”.

“As normas de circulación diminuiron as mortes en estradas, pero non nos entornos urbanos, por iso estas novas medidas, xa de obrigado cumprimento para todas as cidades e pobos”, indicou a subdelegada do Goberno na Coruña. Pilar López-Rioboo referiuse á cidade de Santiago como un “exemplo de cordura en seguridade vial”.

Os datos de Galicia indican que entre o 60 e o 75% de falecidos en zonas urbanas foi por atropelos, “razón máis que suficiente”, segundo indicou Victoria Gómez Dobarro, para reducir a velocidade. Engadiu a xefa provincial da DXT que “a 30 km/h o 10% das persoas atropeladas terían morto; en caso de 50km/h, tería sido o 90%. Aquí temos exemplo dunha zona a 20km/hora, un paso máis que da o Concello de Santiago, porque tendo en conta a área na que estamos conviña reducir o límite, como permite a norma”, engadiu.