Sunday 24 de November de 2024

A Coruña “desordénase” coas Letras Galegas para festexar a figura de Xela Arias


“Desordénate coas letras” pretende renderlle homenaxe a unha das voces máis rompedoras, arriscadas e vangardistas da poesía galega actual con actividades que inclúen recitais, bombas de acción poética nos barrios ou mostras bibliográficas na rede de bibliotecas municipais

O Día das Letras Galegas 2021 celebrarase cunha programación organizada pola Rede de Bibliotecas Municipais e polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña inspirada na posta en valor dunha das autoras máis innovadoras do discurso poético actual, Xela Arias, escritora homenaxeada na edición deste ano.

“Desordénate coas letras” é o nome que recibe a campaña, lembrando as palabras que Marilar Aleixandre destacaba do último libro de Xela Arias antes da súa morte: “desordénome”, ao tempo que lles restituía ás palabras a súa orde poética. Segundo a alcaldesa, Inés Rey, este lema constitúe “o punto de partida das denominadas bombas de acción poética nos barrios”, coas que se convida a cidadanía a transformar os versos da autora para, desordenando os termos, crear novos poemas experimentais a través dos cancelos: #DesordenateCoasLetras, #LetrasGalegas e #XelaArias2021. Rey salienta a importancia de facer que estas actividades que se veñen realizando en centros de ensino, clubs de lectura das bibliotecas municipais ou asociacións veciñais sexan extensibles á cidadanía.

A proposta virá acompañada dun Escape Room Virtual e dunha mostra bibliográfica sobre a homenaxeada, á que se suma unha escolma de libros de poesía galega en  feminino e un recordo aos homenaxeados e homenaxeadas en anos anteriores. Ademais, o martes 18 de maio terá lugar o encontro virtual “Libro Vivinte” con Marga do Val, escritora, tradutora e amiga persoal de Xela Arias.

Pola súa banda, o Servizo de Normalización Lingüística organiza “Por Xela”, un espectáculo en formato dixital de Revenidas S.C., con catro poetas mais o grupo musical A Banda da Loba, dentro do programa AgoraSón. Ademais, o vestíbulo do  Ágora acolleu a semana pasada unha exposición de 12 paneis titulada “Aquela nena de Sarria”, na que reflicte o seu vencello co rural e co noso idioma, e o empeño en
que se recoñecese Xela como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou. Esta semana a exposición móstrase na biblioteca do dito Centro Ágora.

Dentro da programación dirixida xa a un público infantil e familiar, o xoves 13 de maio desenvolveranse no CEIP Salgado Torres a actividade de “Uxía Lambona e a Banda Molona” e de “Fíos do querer”, de Cê Orquestra Pantasma na EIM Carmen Cervigón. A programación familiar virtual completarase con tres novos vídeos para o programa Apego, un debuxo guiado do ilustrador Leandro Lamas, os espectáculos “Armadanzas” e “Arre ru”, así como cun titorial realizado polo propio servizo sobre como facer un minilibro sobre a poeta e cun concurso a través do Facebook de Normalización #vivirasnosasletras.