O departamento de Desenvolvemento local mantén aberto o tempo de inscrición nas xornadas sobre o rural “Apostando polo sector primario”, que terán lugar na Casa da Cultura desde a tardiña do venres até a mañá do domingo con catro interesantísimas charlas ao redor do rural como medio vivo e cheo de oportunidades. A convocatoria leva varias semanas aberta e xa houbo unha sesión, a centrada na apicultura, que cubriu o cupo máximo de 25 asistentes, mentres que para as outras tres aínda hai algunhas vacantes dispoñibles. Para reservar débese chamar ao 616 332 919 ou mandar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.
“Apostando polo sector primario” é un ciclo de catro charlas especializadas e orientadas a persoas que teñan o agro como principal medio de vida ou como complemento das súas rendas, aínda que tamén se dirixen a aquelas que queiran emprender neste ámbito tendo claro que o futuro parece estar na diversificación, na calidade e na atención aos mercados de proximidade. “E non só nesas tres patas, senón tamén na concepción da actividade agrícola ou gandeira como unha profesión que, igual que calquera outra, require adquirir novas competencias transversais en cuestións tan diversas como normativa, responsabilidade ambiental e social ou o uso das novas tecnoloxías para vender ou posicionarse no mercado”, explica o titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela.
Baixo estas premisas, as xornadas que arrancan o venres abordarán materias moi diversas nas que se combinan aspectos técnicos co coñecemento de experiencias de éxito que xa teñen certo percorrido “e unha experiencia acumulada de grande valor para quen queira emprender neste sector ou mellorar a maneira en que fai as cousas”, engade Varela.
Así, a primeira charla -programada para este venres entre as 18.30 e as 20.30h.– mostrará o traballo do Lar do Acivro, unha granxa artesanal situada en Muimenta -no concello lugués de Cospeito- que combina a súa finalidade socioeducativa coa produción diversificada de cultivos e a crianza de animais de raza autóctona. Para esta sesión inaugural, titulada “LAR, 30 anos a medrar na aldea”, cubríronse 15 prazas, polo que aínda quedarían dispoñibles outras 10.
O sábado haberá outras dúas ponencias, unha de mañá e outra de tarde. Na da mañá –de 10 a 12.00h.– falarán Ana Díaz e o seu socio, David Lourido, promotores da empresa Arela Comunicación Sostible. Trátase dunha iniciativa nacida no rural e con vocación de dárlle apoio ao rural, brindando axuda na adaptación dos pequenos negocios ás oportunidades que ofrece a Internet, xa sexa como escenario de venda a través do que chegar a millóns de persoas consumidoras ou como carta de presentación nun mercado que hoxe é global. “Cos pés na terra e traballando na nube” -nome da sesión conducida por Lourido e Díaz- servirá tamén para coñecer ata que punto pode ser importante dispor de web e ter presenza en redes sociais, ademais de ver cales son os medios máis acaídos para comunicarse e relacionarse coa clientela dependendo do tipo de negocio e dos públicos aos que se queira chegar. Para esta charla anotáronse 14 persoas e, polo tanto, habería sitio para outras 11 asistentes.
Na tarde do sábado, de 16.30 a 18.30h. asistiremos ao encontro “A experiencia dos cultivos Miñotos” con Juan Ángel Pérez e Antonio Tartaglione, dous dos membros da SAT Vivaz Plant da localidade pontevedresa de Tomiño. Esta sociedade agraria recuperou leiras abandonadas e púxoas a producir mazá, aguacate, fabas ou cánabo, entre outras plantacións. Nos últimos dez anos o proxecto consolidouse, ampliou o número de persoas socias e é exemplo de éxito no aproveitamento do potencial que ten a zona do Baixo Miño. A clave está sendo a diversificación agraria e a atención aos mercados de proximidade. Unha filosofía que tería encaixe na nosa zona, traballando por exemplo a horta ou a froita. De feito, o obxectivo desta charla é facerlle ver esa posibilidade á mocidade ou ás persoas que teñan terras abandonadas e queiran poñelas a producir. Nela anotáronse 12 persoas e aínda quedan por cubrir outras 13.
Esta fin de semana de aposta polo sector primario rematará o domingo coa charla “Sanidade apícola e explotacións profesionais”, que se desenvolverá das 10.00 ás 12.00h. impartida por Carlos Marín Barcáiztegui, veterinario especializado en apicultura. O experto afondará sobre o problema da varroase mencionando os sistemas de diagnose e os puntos críticos do seu tratamento. Alén disto tamén comentará as principais enfermidades da cría das abellas, así como as estratexias para previlas. Na segunda parte do seu relatorio, aproximadamente ás 11.00 h., abordará os aspectos máis salientables que cómpre ter en conta na xestión dunha explotación profesional ou que pretenda avanzar cara a esa profesionalización. Para esta sesión xa se completaron as 25 prazas dispoñibles e incluso hai lista de agarda. Por este motivo prégase que, no caso de non poder asistir, se lle comunique ao Concello para poder darlle entrada a quen estea na lista.
Salvo na charla apícola, nas outras tres hai aínda sitio ata completar o aforo marcado por razóns preventivas. Ademais de aquí a venres tamén hai tempo para inscribirse de balde en calquera delas ou en todas. Recordamos: hai que chamar ao 616 332 919 ou mandar un correo agustin.perez@sansadurnino.gal antes das 14.00h. do venres. Terán prioridade as persoas empadroadas no Concello ou que sexan socias das entidades que colaboran na organización de “Apostando polo sector primario”, a Asociación Galega da Froita Autóctona, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Asociación Casa do Mel.