Friday 22 de November de 2024

A Xunta investirá 18,9 M€ para garantir a conservación ordinaria e a vialidade invernal en 723KM de estradas das Áreas de Santiago, Bergantiños-Costa da Morte e Barbanza nos vindeiros 4 anos


Trenor explicou que son contratos que permiten unha vixilancia e control das estradas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible

Subliña o programa de vialidade invernal, activo entre novembro e abril coa fin de garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o centro de conservación de estradas autonómicas de Zas para informar de que a Xunta licitou, por 18,9 millóns euros, o contrato que garantirá a conservación ordinaria e a viabilidade invernal de 723 quilómetros de estradas autonómicas das comarcas da Coruña, Ferrol, Santiago e Bergantiños-Costa da Morte nos vindeiros catro anos.

Concretamente, este contrato garantirá a conservación ordinaria e a vialidade invernal nas estradas de titularidade da Xunta da zona sur da provincia da Coruña que abrangue os concellos de Trazo, Teo, Corcubión, Arzúa, Santiago de Compostela, Tordoia, Malpica de Bergantiños, Laxe, Ponteceso, Carnota, Fisterra, Camariñas, Padrón, Frades, Boqueixón, Boimorto, Sobrado, Mesía, Ordes, Vedra, Melide, O Pino, Touro, Santiso, Toques, Oroso, Zas, Muros, Outes, Rois, Muxía, Vimianzo, Noia, Porto do Son, Dodro, Rianxo, Lousame, Ribeira, Pobra do Caramiñal, A Baña, Brión, Cabana de Bergantiños, Val do Dubra, Coristanco, Negreira, Boiro, Santa Comba, Mazaricos, Carballo, Dumbría, Cee e Ames.

O delegado da Xunta informou da licitación deste contrato que redundará na seguridade viaria e no mantemento do emprego a través da promoción da obra pública.

Trenor subliñou que o obxectivo é manter a rede viaria autonómica na zona sur da provincia nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios.

Explicou que o programa de conservación ordinaria permite unha vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible.

No marco destas actuacións, puxo como exemplo a reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe das estradas ou o repintado da estrada e dos elementos que as conforman.

Engadiu que o contrato tamén inclúe os traballos de roza periódicos para o control da vexetación e garantir unha boa visibilidade, así como as melloras de firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade.

Sinalou tamén se blinda a atención das emerxencias que se poidan producir na rede de estradas da Xunta. Así, realízanse limpezas de aceites na calzada, retíranse animais mortos ou árbores caídas ou sinalízanse incidentes que condicionen o tráfico.

Trenor fixo fincapé no programa de vialidade invernal, que todos os anos se activa en novembro e se prolonga ata abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa.

O delegado da Xunta puntualizou que o contrato permitirán subrogar ao persoal que viña desenvolvendo estas tarefas, garantindo un posto de traballo estable a estes traballadores.

Tamén salientou a aposta polas novas tecnoloxías con innovacións na auscultación, que permiten comprobar o estado, a adherencia ou a regularidade superficial do firme.

As empresas interesadas en optar a esta licitación e a dos outros seis contratos cos que a Xunta garantirá a conservación ordinaria das estradas da súa titularidade nos vindeiros 4 anos, distribuídos en 7 áreas diferenciadas, terán de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de maio.