Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca o papel das novas tecnoloxías para reactivar o turismo de congresos con eventos virtuais


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da directora de Turismo de Galicia, da delegada territorial da Xunta en Vigo, e do presidente do Clúster Turismo de Galicia, participou na presentación de Fevir Galicia

Alfonso Rueda destacou o apoio da Xunta á dixitalización do turismo e, en especial do sector MICE, coa colaboración para reactivar a celebración de congresos presenciais e virtuais

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá o importante papel das novas tecnoloxías para reactivar o turismo de congresos con eventos virtuais, na presentación da plataforma Fevir Galicia, apoiada polo Clúster Turismo de Galicia.

Alfonso Rueda, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, así como do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, participou esta mañá no Auditorio Mar de Vigo, na presentación da ferramenta para o desenvolvemento de feiras e eventos virtuais Fevir Galicia.

Segundo indicou Alfonso Rueda, “temos por diante un novo modelo turístico baseado na seguridade, a calidade e a sostibilidade cun papel relevante da innovación, co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros aproveitando o impulso do Xacobeo 21-22. As novas tecnoloxías contribuirán á recuperación turística de Galicia axudándonos a facer chegar a mensaxe de Galicia como destino seguro. E tamén na reactivación do sector con propostas coma esta encamiñada á recuperación do sector dos congresos, de aí o apoio total da Xunta á dixitalización do turismo e, en especial neste sector”

A plataforma Fevir Galicia impulsada polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración coa Xunta é unha novidosa ferramenta que permitirá levar a cabo congresos, feiras ou eventos virtuais cunha aplicación para que os participantes poidan interactuar de xeito virtual, nun escenario tridimensional onde os asistentes están representados cun avatar para interferir uns con outros, cun stand personalizado e onde tamén se poden facer presentacións desde un auditorio virtual.

Desde a Xunta traballamos sobre a innovación e a dixitalización como piares para acadar un destino intelixente e un sector turístico competitivo e innovador. O obxectivo é consolidar un turismo intelixente en Galicia con solucións innovadoras que faciliten a interacción co visitante e incrementen a calidade da súa experiencia con medidas como a posta en marcha dun sistema de Big Data para coñecer o perfil dos turistas e xestionar a información de reservas e ocupación; a plataforma Turespazo no marco do Plan Smart Turismo para a xestión online da información e promoción do sector; o Smart Camiño con servizos dixitais para os viaxeiros; e a instalación de medios tecnolóxicos nas oficinas de turismo e de tecnoloxía wifi nos albergues públicos do Camiño.