Salientou a necesidade de contar con ferramentas pedagóxicas que afonden na igualdade e os dereitos das mulleres
O material didáctico, presentado no colexio CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña, é un dos principais proxectos educativos que se levan a cabo con motivo do seu centenario
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou hoxe a importancia de divulgar entre os máis novos o legado de Emilia Pardo Bazán e animou a facelo con ferramentas pedagóxicas que afonden nos valores da escritora, especialmente comprometida coa igualdade e os dereitos das mulleres.
Así o expresou durante a presentación da nova unidade didáctica deseñada pola Consellería de Educación, un principais proxectos educativos que se levan a cabo con motivo do centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, que hoxe foi presentado no colexio CEIP Emilia Pardo Bazán nun acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Como indicou, iniciativas como esta demostran que a escritora sigue sendo hoxe en día “fonte de inspiración e de coñecemento” non só para o mundo da cultura senón tamén para o noso sistema educativo e o conxunto da sociedade.
“No marco das conmemoracións do centenario de Emilia Pardo Bazán, a Xunta de Galicia pretende achegala máis que nunca ás nosas aulas polo que valoramos especialmente a posta en marcha de ferramentas pedagóxicas que destaquen as principais obras, fitos, publicacións e documentos producidos por esta galega universal”, expresou.
Neste contexto, o titular de Cultura e Educación da Xunta salientou que a nova unidade deseñada polas profesoras Arantxa Fuentes e María López foi elaborada “coa máxima rigorosidade académica” e dará a coñecer entre o alumnado “as facetas máis agochadas da excepcional traxectoria vital e artística de Pardo Bazán, incidindo de xeito especial na súa condición de defensora dos dereitos das mulleres”. Está dirixida a estudantes de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, aínda que conta cun enfoque transversal, polo que tamén permitirá traballar con alumnos e profesores doutros niveis educativos.
Máis de 40 actividades
A unidade didáctica aposta por unha lectura crítica e reflexiva para fomentar o espírito investigador nun total de sete competencias clave, entre elas, a comunicación lingüística, expresións culturais, así como as competencias sociais e cívicas abordando aspectos como a perspectiva de xénero e a educación en igualdade.
Os seus contidos están pensados para desenvolver ao longo de oito sesións, que se poden completar coa realización dun traballo de investigación como actividade final, para poñer en práctica distintos saberes e habilidades traballados ao longo de toda a unidade
Esta actividade encádrase na programación posta en marcha en Galicia para conmemorar esta efeméride, con máis de 40 actividades entre exposicións, congresos internacionais así como unha trintena de actividades de formación e divulgación que se están a celebrar durante este ano.