Quince alcaldes recollerán esta distinción pola que se integra aos seus municipios na Rede Innpulso, sendo Riveira o de menor número de habitantes entre os novos membros
O alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, estará o vindeiro luns na localidade de Burgos para participar no acto de entrega do galardón das novas “Ciudades de la Ciencia y la Innovación”, que pasan a integrarse na Rede Innpulso.
O evento terá lugar a partir das 11.30 horas e celebrarase no Palacio de Congreso de Burgos, coñecido como Fórum Evolución. Estará encabezado pola secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, e polo alcalde da localidade burgalesa, Javier Lacalle. Tamén se agarda a participación dos presidentes actuais da Rede Innpulso, que son os rexedores de Móstoles e Baracaldo.
A cita contará coa participación dos munícipes das novas quince cidades que, tras recibir a distinción, pasan a incorporarse na rede Innpulso. Dáse a circunstancia de que Riveira foi o municipio distinguido con menor poboación de entre todas, o que da fe da magnitude da aposta que o Concello está a realizar cara a implantación das novas tecnoloxías no noso municipio.
Entre as nomeadas na categoría para municipios de 20.001 a 100.000 habitantes figura, ademais de Riveira, Santiago de Compostela, Alzira, Ávila, Molina de Segura, Ontinvent, Palencia e Santa Feliú de Llobregat. Entre as de máis de 100.000 habitantes, Alcalá de Henares, Logroño, Mataró, Oviedo, Pamplona, Sabadell e San Cristóbal de la Laguna.
As razóns que motivaron esta distinción residiron fundamentalmente na creación e posta en funcionamento dunha plataforma Web-Xis no marco do programa Riveira Atlántica 2015 (financiado nun 70% con fondos europeos FEDER).
A integración na Rede Innpulso conleva entre outras vantaxes a promoción da localidade en eventos internacionais vinculados co I+D+i e o desenvolvemento baseado no coñecemento; a consideración preferente de Riveira para a ubicación de instalacións científicas e tecnolóxicas de titularidade ou participación estatal, así como para a ubicación de nodos da rede do Ministerio de Economía de Puntos de Información sobre I+D+i; ou a priorización do municipio para a celebración de congresos e seminarios dos organismos públicos de investigación.