Friday 22 de November de 2024

A Xunta coproducirá os novos espectáculos coreográficos das compañías Elahood, Nova Galega de Danza e Colectivo Glovo


As súas respectivas pezas ‘Nó’, ‘Credo’ e ‘Tabú’ resultaron seleccionadas na convocatoria aberta pola Agadic no pasado febreiro

A achega prevista para o conxunto dos proxectos ascende a case 54.000 euros

As compañías disporán das instalacións do Centro Coreográfico Galego para ensaios e montaxes e as estreas se incluirán nas redes de distribución da Xunta

A Xunta de Galicia coproducirá os novos espectáculos de danza Nó, da compañía Elahood, Credo, de Nova Galega de Danza, e Tabú, de Colectivo Glovo, segundo recolle a resolución publicada na web da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic). As pezas foron seleccionadas no proceso aberto o pasado febreiro para a contratación de tres coproducións co Centro Coreográfico Galego (CCG), ao que se presentaron 18 propostas.

A achega prevista para o conxunto dos proxectos ascende a case 54.000 euros, dos que Nó e Tabú recibirán 18.000, o máximo previsto na convocatoria, e Credo, 17.841. Ademais do apoio económico, as compañías disporán das instalacións do CCG, na Coruña, para ensaios e montaxes. Os espectáculos deberán exhibirse nun prazo máximo de 12 meses a partir da formalización do contrato, cun mínimo de dúas representacións, ademais da estrea e das actuacións nalgunha das redes de distribución cultural xestionadas pola Xunta.

Propostas de danza urbana e itinerante
Nó, de Elahood, é unha proposta de danza urbana con creación contemporánea que centra a súa investigación arredor do concepto do nó, como principio fundamental de coherencia. Este concepto funciona como unha columna vertebral para tecer un conxunto de escenas e atmosferas, nunha viaxe que explora os diferentes espazos que ocupan os nós na nosa realidade.

Julia Laport e Sabela Domínguez interpretan a peza, da que tamén son responsables da dirección e da coreografía, xunto a Aina Lanas e Kenrick Sandy. A iluminación está a cargo de Afonso Castro.

Pola súa banda, o proxecto de Nova Galega de Danza, Credo, é unha peza de itinerante concibida para a súa representación en espazos naturais do territorio galego, concretamente nos cruces de camiños, sinalados cos cruceiros que salpican a paisaxe de Galicia. Trátase dunha viaxe interior que toma a poética de Celso Emilio Ferreiro como referente artístico e conceptual, e que quere representar a andaina vital do ser humano a través do movemento, a exploración e a posta en dúbida de un mesmo e da realidade.

Con dirección artística de Jaime Pablo Díaz e coreografía de Fabián Thomé, será interpretada por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Iván Villar e Ricardo Fernández. Sergio Moure de Oteyza é o responsable da composición musical e Xan Domínguez e Fernando Ontañón, dos textos e a dramaturxia.

Realidade galega do comezos do século XX
Tabú, do Colectivo Glovo, parte da memoria desde o punto de vista histórico, social e costumista da realidade galega dos anos 20 do pasado século. O proxecto inspírase nunha fotografía pertencente ao Arquivo de Allariz, na que un grupo de mulleres vestidas coas camisolas de dous equipos de fútbol pertencen en realidade a unha comparsa de Entroido de 1925. Así, o espectáculo parte das testemuñas de parentes das mulleres da imaxe e do Entroido como eixes co obxectivo de amosar a fortaleza, a emancipación e a aparencia como posibilidade de futuro.

Esther Latorre e Hugo Pereira dirixen a peza, que tamén interpretarán xunto a Sybila Gutiérrez, Clara Ferrao e Fran Martínez. Pedro Fresneda estará a cargo da iluminación e Lucila Celano, do espazo sonoro.

Produtos culturais competitivos
O obxectivo desta acción, promovida pola Xunta por quinto ano consecutivo a través dunha convocatoria pública, é favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica, consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno e, en definitiva, a busca da excelencia nos produtos culturais galegos.

A convocatoria de coproducións co Centro Dramático Galego forma parte das accións específicas de fomento para o eido da danza que impulsa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, entre as que tamén se atopan a elaboración do Plan Integral para a Danza de Galicia, o especial tratamento dentro das subvencións á creación escénica ou o novo programa Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio.