Friday 22 de November de 2024

Concello e Deputación crearán un centro de innovación para modernizar a administración local


Este ente desenvolverá a súa propia tecnoloxía para mellorar os servizos e axilizar os trámites da cidadanía

A intención das dúas institucións é situalo na Cidade das TIC e que poida optar aos fondos económicos do programa Next Generation da Unión Europea

A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinaron este mediodía un convenio de colaboración de cara a crear un Centro tecnolóxico e de innovación orientado á transformación dixital da administración local. Rey sinalou que “cómpre modernizar a administración local para lle dar un servizo máis eficiente á cidadanía. O novo ente modernizará a administración local creando a súa propia tecnoloxía para, deste xeito, axilizar os trámites que os cidadáns realizan nas administracións locais”. No proceso, avaliarán tamén a posibilidade de situalo na Cidade das TIC e a incorporación doutras administracións locais, autonómicas e estatais de cara a aproveitar as sinerxias dos proxectos e deste novo polo TIC de innovación dixital.

Ademais, este centro que favorecerá o crecemento do sector TIC provincial, desenvolverá programas de capacitación dixital do persoal público e da propia cidadanía co obxectivo de reducir a fenda dixital incrementando o coñecemento da sociedade no uso das tecnoloxías de información e comunicación.

Deste xeito, ambos os organismos realizarán un proxecto que se presentará a obter fondos económicos do programa Next Generation da Unión Europea, englobados no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e dentro do marco España  Dixital 2025, da Estratexia Galicia Dixital 2030, e das respectivas Axendas Dixitais e proxectos TIC das entidades participantes.

O obxectivo é acadar a dixitalización integral das administracións locais, mediante o deseño e posta en marcha de proxectos que melloren a eficiencia, axilidade e calidade dos servizos que prestan as entidades locais.

Esta iniciativa enmárcase na estratexia do goberno de Inés Rey de impulsar a transformación dixital do Concello da Coruña.