Con un estrito protocolo de seguridade o departamento de Cultura organiza varias actividades ao longo do mes
O Concello de Lousame deseña un completo programa cultural para o mes de maio centrado na celebración das Letras Galegas. O prato forte da programación terá lugar o sábado 15 de maio na praza do Concello, onde se celebrará a XIX Festa do Galego con actividades lúdicas para nenos e nenas con obradoiros culturais ‘Infantilandia’, música a cargo do piscadiscos infantil Marífaltri e coa animación de Fantoches Baj con ‘Os velocíclopes’. O obxectivo é que sexa unha xornada educativa na que a cativada afonde na cultura dun xeito divertido. Ademais nesta xornada tamén se difundirá a exposición Xela Arias, ‘Aquela nena de Sarria’. As entradas para a Festa do Galego serán únicas para todo o evento –non poderán dividirse por actividade- e xestionáranse a través do BandoTicket.
Dende o departamento de Cultura xestionan a ocupación e as capacidades máximas con este sistema dixital, o BandoTicket, a través do que os usuarios e usuarias poden conseguir as entradas para os eventos que se celebren no municipio. A iniciativa púxose en marcha coa recepción dos Reis Magos e permite que as persoas que queiran asistir a un evento local, poidan retirar de xeito gratuíto a súa entrada a través desta plataforma. Tras realizar o rexistro os usuarios reciben un correo electrónico na súa conta persoal, no que se lles facilita o acceso a un código QR, que o día do acto deben mostrar para a súa verificación na propia xornada antes de acceder ao espazo do evento.
través destas actividades, o Executivo local de Lousame pretende recuperar, con moita cautela e con estritas medidas de seguridade sanitaria, a actividade cultural no municipio. “A nosa intención é volver ofrecer cada vez máis propostas culturais á veciñanza. Se ben, a seguridade é o primeiro para nós, polo que sempre daremos prioridade ás normas determinadas polas autoridades sanitarias”, explicou Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura.
Máis actividades
A tradicional homenaxe á figura de Zernadas de Castro cunha ofrenda floral, terá lugar ás 12:00 horas no busto do cura de Fruime, se ben este ano polas medidas de seguridade sanitaria non será un acto público senón que se difundirá posteriormente a través das redes sociais. En relación con Zernadas de Castro, o departamento de Cultura deseñou unha mostra virtual e física con diferentes paneis sobre este promotor do coñecemento na sociedade lousamiá. A exposición inaugurarase na Casa da Cultura o 28 de maio, e estará dispoñible para visitas durante dous meses.
Pola súa banda, o Club de Xubilados inaugurará o 17 de maio ás 12:00 horas unha exposición fotográfica na súa sede. A mostra está destinada a converterse nunha exposición permanente.
Dende a concellaría de Cultura tamén prepararon recursos didácticos a través do portal de lingua.gal a través do Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021. Así, ‘Xacobeando’ quedará publicado o 5 de maio, o ‘Circo Atlántico’ o día 19 e ‘Falar sen Cancelas’ o día 26 de maio.