O técnico municipal de Desenvolvemento local ofrece asesoramento sobre como presentar os proxectos, que se tramitan a través do GDR Seitura 22
Até o próximo 3 de xuño permanecerá aberto o prazo de presentación de proxectos para a presente anualidade do plan Leader 2014-2020 que, no caso de San Sadurniño e doutros concellos da comarca, está xestionado polo GDR Seitura 22. De cara ao finanzamento de proxectos, que poderán obter até un 40% de axuda, en 2021 e 2022 o grupo de desenvolvemento rural disporá dun orzamento global de 513.648,04 euros, que se asignarán a proxectos produtivos e non produtivos ata esgotar os fondos, de aí que sexa tan importante ir preparando a documentación e presentando as solicitudes. Para obter máis información sobre o programa e as actuacións susceptibles de obter finanzamento pódese contactar co Técnico de Desenvolvemento local ou, mellor aínda, co GDR Seitura 22, que ten oficinas no recinto de FIMO, en Ferrol, e tamén nas Pontes e en Ortigueira.
No GDR Seitura 22 están integrados os 22 municipios -ademais do de Miño- que antes se dividían en territorio Costa Noroeste e Euroeume, as dúas entidades que xestionaron na zona o anterior periodo de fondos europeos FEADER. Esta entidade consituida en 2016 ten a encomenda de mediar entre as iniciativas públicas e privadas e a AGADER, como axencia encargada en último caso do desenvolvemento en Galicia do Leader 2014-2020.
A función de Seitura 22 é a de dinamizar, informar e tramitar os proxectos presentados, que poden ser produtivos e non produtivos. Nos primeiros, para os que se reserva o 75% do financiamento, encadraríase a iniciativa privada -pemes, persoas autónomas, etc.- e nos segundos, aos que se destina o 25% restante, entrarían máis ben as entidades públicas con propostas de interese colectivo que non supoñan o desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa.
As bases reguladoras do programa apuntan a que del poderán beneficiarse persoas físicas e xurídicas que, no caso da iniciativa privada, han de ter a consideración de pequena empresa, é dicir, ter menos de 50 persoas empregadas e un volume de negocio anual inferior aos 10 millóns de euros.
Os investimentos que se queiran acoller ás axudas non poderán estar iniciados antes da solicitude, terán que estar localizados no territorio que abrangue o GDR, ser viables desde o punto de vista técnico e económico e ser finalistas, é dicir, que na data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados se cumpran os obxectivos para os que se aprobaron os proxectos. Non poderán subvencionarse, polo tanto, fases dun proxecto que non constitúa unha actividade finalista.
A prioridade na asignación de fondos -513.648,04 euros para este ano e o que vén- virá marcada pola propia diagnose do territorio que se fixo trala constitución do GDR. Dito doutro xeito, os proxectos que se primarán son os que atenden ás necesidades de desenvolvento reflectidas no plan de acción de Seitura 22, pero tamén a factores introducidos posteriormente pola AGADER nas sucesivas modificacións da normativa reguladora.
Nese plan figuran, entre outras actuacións produtivas, o apoio á creación, ampliación e mellora dos servizos comerciais nas zonas rurais; a dotación de servizos asistenciais dirixidos a colectivos desfavorecidos; os investimentos na mellora da mobilidade e acceso a servizos para persoas con discapacidade; os proxectos centrados na difusión do uso das TIC entre o tecido empresarial e social; o investimento en proxectos agrarios respectosos co medio, fundamentados na produción ecolóxica e nas variedades autóctonas; a promoción da eficiencia enerxética nas explotacións; as iniciativas que desenvolvan a función produtiva do monte; a valorización de producións complementarias como a micoloxía e os pequenos froitos; apoiar a transformación das producións locais e a súa adscrición a distintivos de calidade; a prestación de servizos turísticos especializados; o asesoramento ao emprendemento e a posta en marcha de espazos para as iniciativas empresariais… e así ata compoñer un documento con 30 paxinas de posibilidades potencialmente elixibles para seren financiadas.
O periodo de solicitude das axudas para proxectos que entrarían no financiamento da anualidade de 2021 está aberto até o 3 de xuño, mentres que os presentados despois desa data xa serían avaliados para a anualidade de 2022. A axuda pode chegar ao 40% do total solicitado, pero debe terse en conta que o proxecto acollido ás axudas deberá cumprir cos requisitos do programa -non mudar despois de obter a subvención- e manterse activo polo menos 5 anos despois da percepción da axuda.
Para obtermos máis información podemos contactar co técnico de Desenvolvemento Local do Concello, Ignacio Fernández, ou ben acudir a algunha das tres oficinas do GDR Seitura 22 nos seguintes enderezos:
Ferrol: A Malata, s/n, Edificio de Usos Múltiples, 15405. Teléfono/Fax: 981 33 33 98 / 981 37 30 62
Ortigueira: R/ Reverendo Marquez Cortiñas, s/n, 15330. Teléfono 981 40 26 97
As Pontes: R/ Juan Antonio Suanzes, s/n, Edificio CAP, 15320. Teléfono/Fax: 981 44 06 68 / 981 44 07 29