O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá en Sanxenxo, un dos establecementos beneficiados desta orde de axudas pola cal o Goberno galego busca dar a máxima seguridade ao sector da hostalería no desenvolvemento da súa actividade, no marco das medidas de protección da saúde ante a covid-19
As axudas están destinadas para que os locais poidan instalar pechamentos, compra de mobiliario e adaptar os espazos exteriores, ademais da adquisición de materiais de empaquetado de comidas e bebidas
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe nunha visita a Sanxenxo que o Goberno galego ten destinado 11 millóns de euros para acondicionar as terrazas e favorecer tamén as vendas a domicilio dos negocios de hostalería coas axudas para a adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio.
Alfonso Rueda, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá o restaurante Carmen, un dos establecementos beneficiados desta orde de axudas pola cal o Goberno galego busca dar a máxima seguridade ao sector da hostalería no desenvolvemento da súa actividade. Xa que as axudas están destinadas para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio. Concretamente, no caso de Sanxenxo foron recibidas 30 solicitudes que supoñen axudas que superan os 354.000 euros.
Segundo indicou Alfonso Rueda, “foron moitas as axudas que ao longo deste ano temos habilitado para apoiar ao sector, pero unha das fundamentais, é a que ten que ver coa adecuación dos negocios para adaptalos ás medidas de seguridade e sanitarias e adaptando tamén a súa actividade, sobre todo co servizo a domicilio”
O Goberno galego, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, tivo que reforzar o orzamento destinado ao programa con obxectivo de dar resposta á enorme demanda e interese que ten espertado no sector, un dos máis afectados no actual contexto económico. Ante o importante número de solicitudes presentadas na primeira convocatoria das axudas, ampliouse ata os 11 millóns de euros o orzamento da convocatoria, que tiña un orzamento inicial de 3M€ e xa se tiña ampliado aos 7M euros.
Con apoios do 80% do investimento realizado, esta liña ofrece axudas directas a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, desde un mínimo de 1500 euros dos gastos ata un máximo de 25.000. Ademais, inclúe a achega de anticipos pola metade da contía. O investimento medio dos establecementos beneficiarios ata o momento é de 9000 euros, e a axuda media de máis de 7000.