Friday 22 de November de 2024

Belén do Campo reuniuse co representante da Unidade Provincial de Parapléxicos da Coruña para coñecer as necesidades do colectivo


A delegada territorial da Xunta na provincia ofreceulle a colaboración do Goberno galego coa entidade para favorecer a inclusión das persoas con discapacidade

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo unha reunión co presidente da Unidade Provincial de Parapléxicos da Coruña, José María Méndez, para coñecer de primeira man as súas necesidades. No encontro celebrado na sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Do Campo amosouse interesada polas iniciativas que desenvolve a formación a prol do colectivo de persoas con discapacidade física.

O seu representante solicitoulle, por outra banda, a axuda do Executivo galego á súa labor a través das distintas consellerías, co obxectivo de poder dar continuidade ás súas actividades e favorecer a posta en marcha de novos proxectos que redunden nun aumento da calidade de vida dos membros da entidade.

A organización promove desde o seu nacemento accións encamiñadas a acadar a inclusión do colectivo en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e a promoción dos seus dereitos, da concienciación social e da loita pola supresión das barreiras arquitectónicas para dar resposta ás súas necesidades e expectativas. A través da entidade ofrécense diversos servizos de información e asesoramento, de formación, de inserción laboral, de mellora da accesibilidade e de ocio e tempo libre, á vez que se levan a cabo campañas periódicas de difusión e sensibilización sobre a discapacidade entre a poboación xeral.

Do Campo destacou a “importante labor” que presta á sociedade a asociación e amosou o apoio do Goberno galego a ese traballo. Na mesma liña, a delegada expresou a súa disposición a traballar para favorecer a cooperación de outras institucións e a implicación tamén das administracións locais con estas tarefas asistenciais, así como a redobrar os esforzos para acadar que a entidade manteña todas as súas actividades.

A reunión de hoxe enmárcase na rolda de contactos que Do Campo celebra de forma periódica coas entidades que desenvolven a súa labor social na provincia, co fin de estreitar a colaboración do Goberno galego con este tipo de organizacións para mellorar o benestar dos cidadáns.