Tras o éxito da Residencia Xacobeo 21-22 que fixo posible que unha das tradutoras estadounidenses máis prestixiosas traduza obras en galego, o novo proxecto fomentará o intercambio cultural e literario entre escritores
O autor de Xeorxia seleccionado desprazarase en setembro á nosa Comunidade para traballar e investigar na Residencia Literaria 1863, no casco histórico coruñés
Tras o éxito da Residencia Xacobeo 21-22, o primeiro programa de residencias literarias para tradutores da Xunta do que foi gañadora a profesora Kathleen March, unha das máis prestixiosas divulgadoras da literatura galega nos EEUU que vai traducir ao inglés varias obras galegas, o Goberno autonómico vén de lanzar en colaboración coa Residencia Literaria 1863 un novo programa de intercambio dirixido nesta ocasión a escritores galegos e xeorxianos. O autor seleccionado dese país traballará e investigará en Galicia durante o mes de setembro, mentres que o escritor galego gañador fará o mesmo desde Xeorxia para reforzar a proxección exterior da literatura galega.
A iniciativa foi presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a escritora e promotora de Residencia Literaria 1863, Yolanda Castaño, nun acto no que estiveron acompañados pola profesora Kathleen March, que xa comezou a súa estadía na Coruña, onde permanecerá durante este mes para realizar o seu traballo.
Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade residencias literarias como estas son ferramentas clave para divulgar e difundir a literatura galega ao tempo que se apoia aos profesionais “A boa resposta en canto a solicitudes que obtivemos na primeira residencia para tradutores que lanzamos só hai uns meses da que foi gañadora Kathleen March demostra o interese que os escritores teñen por esta fórmula, na que incentivamos o labor creativo e promovemos o intercambio internacional”, indicou.
Intercambio cultural
Neste sentido, salientou o traballo da profesora gañadora da primeira bolsa de tradución como unha das máis prestixiosas investigadoras e divulgadoras da literatura galega nos Estados Unidos que, como dixo, “agora, co impulso da Xunta, dará un paso máis traducindo obras de Marica Campo e Emma Pedreira e desenvolvendo actividades que poidan atraer outros tradutores de lingua inglesa a empregar temas galegos”. March permanecerá durante este mes de maio aloxada na Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX no casco histórico da Coruña que combina residencia con centro de xestión cultural desde onde está realizando o seu traballo literario.
Ese mesmo espazo é o elixido para os participantes do novo programa de intercambio con Xeorxia presentado hoxe, dirixido neste caso para escritores. Consiste en que a Xunta e a Residencia Literaria 1863 facilitarán o lugar en Galicia para o seu traballo e investigación durante todo o mes de setembro. Ademais de cubrir os gastos derivados da estadía, tamén inclúe un evento público de mostra do seu traballo literario.
No caso dos escritores en galego, a persoa becada en Xeorxia aloxarase na Writers’ House of Georgia, unha masión Art Nouveau situada no centro histórico de Tblisi, onde entrará en contacto con outros autores internacionais. Ademais da estadía, a bolsa inclúe dietas para gastos básicos, convites a concertos, museos, teatro e danza, así como visitas guiadas á cidade, acceso ilimitado a bibliotecas, charlas e recitais, así como un evento público de mostra do seu traballo literario.
Solicitudes ata o 31 de maio
Poderán concorrer escritores maiores de 18 anos nacidos ou residentes en Galicia con ao menos un libro publicado en galego. Deberán presentar un proxecto de escrita de creación. As propostas presentadas serán sometidas a un proceso de selección por un Comité de Valoración designado pola Residencia Literaria 1863 e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Estará composto por profesionais de recoñecido prestixio na tradución e a literatura galega, quen elixirán as mellores candidaturas a este programa de intercambio en residencia. As solicitudes deberán presentarse antes do día 31 de maio ás 22,00 horas no enderezo electrónico 1863coruna@gmail.com.