Friday 22 de November de 2024

Este venres remata o prazo para pedir a planta de “San Sadurniño en flor”


O Concello iniciará o luns o reparto das plantas, que poderán combinarse nas composicións coa que xa posúan as persoas participantes e incluso con outros elementos decorativos

A primeira fase de “San Sadurniño en flor” está a piques de finalizar. E é que este venres 7 de maio ás 14.00h. acaba o prazo dado polo Concello para que todas as persoas interesadas en participar no certame soliciten o seu lote de planta, que se empezará a distribuír polo territorio completamente de balde a partir do luns. Para pedir a flor e anotarse na iniciativa hai que chamar ao 616 332 919 ou mandar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal, indicando en calquera dos dous casos o nome e apelidos, o enderezo, un teléfono de contacto e a categoría na que se quere entrar para optar a algún dos 35 premios que se entregarán en xuño.

Esta cuestión, a das categorías do certame, é importante tela en conta e comunicala no momento de inscribirse, algo que este xoves xa fixeran preto dun centenar de persoas. Nas bases publicadas polo Concello hai varias semanas apúntanse as seguintes, xunto co número de premios reservados para cada unha delas:

Composicións florais de exterior, dotada con 10 agasallos, pensada para que se decore calquera espazo da finca, a terraza, un patio, un curral, etc. Haberá que coller as plantas e flores entregadas polo Concello e, se se quere, arrimarlles outras para que o conxunto luza aínda máis.
Decoración de xanelas e balcóns, para a que se reservan outros 10 premios, onde tamén haberá que utilizar o verde proporcionado polo Concello e, como opción, enriquecelo con máis planta e outros elementos coa finalidade de adobiar balcóns ou soleiras de fiestras.
Establecementos comerciais e hostaleiros (5 premios). Esta categoría é nova e diríxese exclusivamente aos negocios locais en activo, que deberán decorar os accesos, os escaparates ou as xanelas, ou todo.
Xardíns máis vistosos, que outorgará outros 10 premios para aqueles xardíns nos que se incorpore a planta achegada polo Concello. A diferenza do apartado de composicións florais en exterior, neste caso premiarase tanto a creatividade como resultado de anos de coidados.
En todos os casos o Concello entregará un lote de 6 plantas variadas que deberán formar parte das decoracións, ás que -insistimos unha vez máis- se lles poderán engadir outros elementos decorativos ou máis planta que as persoas participantes xa teñan ou que poidan mercar pola súa conta. Canda aos lotes irá un cartel identificador do certame que se deberá poñer ben á vista.

O Concello distribuirá a flor completamente de balde entre o 10 e o 20 de maio e despois dará de prazo até o día 30 de maio para preparar as composicións. Unha vez feitas haberá que sacarlles como máximo 3 fotografías. En polo menos unha desas imaxes deberá poder comprobarse que a composición é visible desde a vía pública e tamén será necesario que se aprecie a colocación do cartel identificador. As fotos poden facerse chegar por whatsapp ou correo electrónico.

Un xurado formado por unha persoa nomeada polo Concello e dúas en representación dos viveiros locais farán as valoracións dos conxuntos revisando as fotos e, no caso de dúbida, poderán visitar calquera deles para tomar a súa decisión, que se dará a coñecer o día 10 de xuño. Os 35 premios, consistentes en cestas de produtos de proximidade e vales para a hostalaría local, entregaranse na Casa do Concello o día 13 de xuño, sempre e cando a situación sanitaria o permita.

En “San Sadurniño en flor” colaboran as empresas locais Vivergal, Flor Galicia, A Casa da Planta e Viveiros Gundín.