O Goberno de Inés Rey quere potenciar así a nosa identidade europea, que se ratifica a través dunha estratexia EidusCoruña, orzamentada en 15 millóns de euros cofinanciados polos fondos FEDER, dos que xa se licitaron 10,6 millóns para obras, servizos e subministros na cidade
A Torre de Hércules, a fonte de Catro Camiños e a praza de María Pita iluminaranse esta fin de semana de azul para conmemorar o Día de Europa, unha iniciativa que partiu deste Concello e que secundarán outras 68 cidades do Estado que están executando a estratexia DUSI de (Desenvolvemento Urbano
Sustentable Integrado). En concreto, María Pita tinguirase cunha luz calmada de cor azul sobre a que se proxectarán as estrelas amarelas da Unión Europea para lle render homenaxe á histórica Declaración de Robert Schuman. Os tres puntos emblemáticos terán unha tonalidade azulada desde mañá até o domingo, entre as 21.30 e as 23.30 horas.
Esa identidade europea que o Goberno de Inés Rey quere potenciar e recordar con este xesto, ratifícase na execución da estratexia EidusCoruña, que conta cun importe de 15 millóns de euros cofinanciados polos fondos FEDER para o período 2017-2023.
Deste xeito, desde o Concello recordan que do orzamento total xa se licitaron a día de hoxe contratos de obras, servizos e subministros por valor de 10,6 millóns de euros.
A posta en común dos 69 concellos materializarase despois de que a alcaldesa, Inés Rey, lles remitise unha carta ás persoas representantes das cidades que, coma A Coruña, están executando unha estratexia DUSI (Desenvolvemento Urbano Sustentable Integrado). O obxectivo é achegar Europa á cidadanía cunha acción conxunta que tivo unha grande acollida, e que representa a unión e o consenso que abandeira a Unión Europea.
A conmemoración do Día de Europa completarase cunhas xornadas organizadas conxuntamente por URBACT e EDUSI, que se celebrarán en Palexco os días 13 e 14 de maio, onde se reflexionará sobre ambos os programas cofinanciados pola Unión Europea. Na cita trataranse cuestións como a vinculación destras estratexias coas políticas alimentarias urbanas, o Pacto de Milán e a Glasgow Food and Climate
Declaration. Poderase asistir de forma presencial cunha capacidade limitada e tamén seguilas en liña. As inscricións son gratuítas e están abertas até o 10 de maio a través da páxina web www.coruna.gal/eidus, en que as persoas interesadas deberán cubrir un formulario.