Agradece a confianza das empresas nos profesionais formados nos ciclos no sistema educativo galego
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, manifestou o compromiso de intensificar a relación entre o eido educativo e o mundo empresarial para o impulso da Formación Profesional do futuro en Galicia. Así o expuxo esta mañá durante a apertura da III Feira de FP Dual organizada pola Cámara de Comercio da Coruña, un encontro virtual de debate e intercambio de experiencias entre empresarios, docentes e alumnos sobre esta modalidade de ensino.
Na súa intervención, Román Rodríguez asegurou que a aposta pola FP é “unha acción estratéxica do Goberno galego que, logo dunha década con moi bos resultados, imos seguir actualizando centrándonos, sobre todo, na innovación tecnolóxica, no impulso da FP Dual e a formación en centros de traballo e no afondamento de relacións co tecido empresarial”.
Nesta estratexia enmárcase o impulso da rede de Centros Integrados de FP −como é o caso dos que van comezar xa no próximo curso en Ferrol e en Culleredo− e a posta en marcha do novo proxecto pioneiro de másteres de FP centrados nas áreas de especialización do futuro como son a fabricación intelixente, a dixitalización, os videoxogos, a intelixencia artificial ou o big data.
O titular de Educación avogou por “tecer sinerxías” entre o mundo académico e a empresa, e “multiplicar o traballo cooperativo” para o impulso da Formación Profesional en xeral e da FP Dual en particular, xa que “a vía da colaboración mutua neste campo é unha garantía de éxito para todos”.
Puxo en valor tamén a celebración deste tipo de encontros como “unha moi boa oportunidade para visibilizar a posición que ocupa a FP no noso sistema educativo e a transcendencia que ten no mundo empresarial, posto que −abondou− estamos traballando co máis importante que ten unha empresa ou calquera organización, que son as persoas”. Finalmente aproveitou para agradecer a “confianza” das empresas nos profesionais formados nos ciclos formativos do sistema educativo galego, sobre todo no que respecta á modalidade Dual, na que a día de hoxe se oferta un total de 59 ciclos grazas ao compromiso das máis de 350 empresas participantes.