Afirma que a Xunta seguirá apostando polo fomento do alugueiro e pola rehabilitación
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación, nas próximas datas, do Plan de Vivenda de Galicia 2015-2020 que definirá as políticas públicas neste eido e concentrará os esforzos en facilitar o acceso a un fogar ás persoas con máis dificultades.
Durante o acto de entrega da XXI edición dos Premios Aproin “Edificio Galego 10”, Feijóo afirmou que o Goberno autonómico seguirá apostando polo fomento do alugueiro e pola rehabilitación, “unha vía –engadiu- que nos permite, ademais, conservar o patrimonio construído”. E, nesta liña, afirmou que Vigo é a través do seu Casco Vello un bo exemplo dos froitos desa estratexia, “xa que a través dun investimento de máis de 30 millóns de euros –aseverou-, conseguimos xa rehabilitar 36 inmobles e recuperar boa parte da fachada tradicional da cidade”.
Ao longo da súa intervención, Feijóo fixo fincapé en que en anos de fortes restricións orzamentarias, o Goberno galego realizou un importantísimo esforzo para manter os seus programas de vivenda e reforzar a atención aos sectores da poboación máis desprotexidos, investindo entre 2009 e 2014 máis de 260 millóns de euros nesta materia.
Feijóo referiuse aos premios Aproin como a proba de que nos contextos máis adversos é posible xerar oportunidades, “de que adaptarse é diferente a conformarse”.
Sobre este aspecto, o titular da Xunta afirmou que é bo para Galicia que sexa esa ansia a que marque o paso do sector inmobiliario na Comunidade, “porque nestes momentos en que o país encara o camiño da recuperación –aseverou-, resulta necesario contar coa vitalidade dun ámbito tan estratéxico para a economía e o emprego como é a vivenda”. Non en van, cada millón de euros investido na construción dunha nova vivenda supón 35 postos de traballo, unha cifra que se eleva ata os 56 empregos no caso das actuacións de rehabilitación.
Así mesmo, destacou a necesidade da colaboración deste sector para culminar a “ambiciosa tarefa iniciada para a ordenación e planificación do noso territorio, sen dúbida, o maior patrimonio colectivo dos galegos”.
“Emprendemos un camiño sen retorno, ao dotarnos de dous instrumentos normativos fundamentais: as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral. E traballamos agora con intensidade para superar a gran materia pendente: dotar Galicia dunha Lei do Solo que perdure e que garanta un desenvolvemento sustentable, racional e compatible cos nosos valores naturais”, asegurou.
No tocante a esta normativa, Feijóo insistiu en que o Goberno galego aspira a unha Lei do Solo “de país”, que nos axude a construír un territorio “do que todos nos sintamos orgullosos e no que sexa máis fácil vivir, traballar e medrar”.