Friday 22 de November de 2024

A Xunta destinará este ano máis de 400 millóns de euros aos concellos para facer fronte ás súas necesidades específicas


A directora xeral de Administración Local pide ao Goberno central que clarifique o sistema de financiación autonómico e local para poder definir posteriormente as relacións financeiras entre a Xunta e as entidades locais

Natalia Prieto compareceu no Parlamento de Galicia para dar a coñecer os acordos da Comisión Galega de Cooperación Local

A Xunta de Galicia ampliou para este ano os fondos dirixidos ás entidades locais, polo que os concellos galegos recibirán máis de 400 millóns de euros, o que supón 10,5 millóns máis que no 2020. Desta maneira, as administracións locais contarán con ingresos extra para facer fronte ás súas necesidades específicas.

Nunha comparecencia no Parlamento de Galicia, a directora xeral de Administración Local recordou que Galicia foi pioneira na aprobación dunha lei no ano 2011 que garante a participación mínima dos concellos nos orzamentos da Xunta a través do Fondo de Cooperación Local, que distribúe cada ano máis de 120 millóns de euros (este ano serán preto de 122 millóns). Natalia Prieto deu a coñecer estes datos nunha intervención parlamentaria a petición propia para informar sobre as liñas de colaboración entre a Administración autonómica e as entidades locais tratadas no marco da Comisión Galega de Cooperación Local.

A directora xeral de Administración Local valorou a boa sintonía coa que se desenvolven as negociacións entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o esforzo das administracións locais por xestionar os seus concellos nunhas circunstancias tan complicadas como as derivadas da crise pola covid-19. Nese sentido, recordou as liñas de colaboración entre a Xunta e a Fegamp polas que a Administración autonómica presta apoio económico, técnico ou material aos concellos para facer fronte ás novas necesidades derivadas da crise, como os plans de rescate á hostalería -cun total de 180 millóns-, a plataforma para abonar axudas a negocios dos seus municipios ou a asistencia para tramitar as multas por incumprimento das normas sanitarias.

Delimitación de competencias
Natalia Prieto incidiu na necesidade de delimitar as competencias de cada Administración para evitar que teñan que asumir responsabilidades que non lles corresponden, “unha situación que se viu agravada nos últimos tempos como consecuencia da pandemia ao xurdir novas necesidades que atender de xeito urxente e que levan aparelladas novos gastos que todas as administracións tivemos que afrontar”. Con ese fin, asinouse o pasado mes de decembro un convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fegamp, para a posta en marcha dunha auditoría que delimite as competencias entre a Administración autonómica e as locais, identificando as posibles duplicidades funcionais ou responsabilidades impropias.

Con todo, a directora xeral de Administración Local recordou que a Xunta leva anos reclamando de forma reiterada ao Goberno central a definición dun novo modelo de financiamento autonómico e local que ofreza certezas sobre os recursos cos que pode contar cada Administración e que teña en conta as particularidades dos concellos galegos, como poden ser os factores demográficos e de dispersión xeográfica.

“É o Estado o que debe clarificar o sistema de financiación das Administracións autonómica e local”, recordou, un proceso previo para poder deseñar posteriormente as relacións financeiras entre a Xunta e as entidades locais. Ao seu entender, o actual sistema “é prexudicial para o municipalismo galego”, sobre todo para os concellos de menor poboación. Por iso, na Comisión Galega de Cooperación Local propúxose definir as delimitacións competenciais entre a Xunta e os concellos, esixir ao Estado que aprobe un novo modelo de financiación e redefinir posteriormente o Fondo de Cooperación Local.

A directora xeral de Administración Local apelou na Cámara galega á corresponsabilidade de todas as Administracións públicas e á colaboración institucional para dar unha resposta global contra a pandemia. “Soamente mediante a colaboración lograremos a reconstrución de Galicia trala crise sanitaria”, salientou.