Saturday 16 de November de 2024

O Concello anuncia que recorrerá contra o fallo de Meirás en que se lle dá vía libre á familia Franco para retirar os bens do seu interior


A alcaldesa, Inés Rey, recordou que xa é hora de recuperarmos obxectos de gran valor expoliados a todas e todos os galegos como parte da biblioteca de Pardo Bazán ou as estatuas de Isaac e Abraham, do Mestre Mateo

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que o Concello recorrerá contra a dilixencia xudicial do pazo de Meirás, en que se lle dá vía libre á familia Franco para que retire os bens do seu interior: “Colaboraremos coa avogacía do Estado en todo o que faga falta e coa documentación pertinente que certifique que o patrimonio interior do pazo pertence, igual que o edificio, a todas e todos os galegos”. A rexedora asegurou que “respectamos as posicións procesuais de todas as partes, pero o noso compromiso é firme” e puntualizou que está constatado que os Franco usurparon no seu momento unha propiedade pública coa lexitimidade dun réxime autoritario e que esa propiedade conta hoxe en día con obxectos de gran valor.
Rey recordou que nas estancias de Meirás se atopa parte da extensa biblioteca de Emilia Pardo Bazán, anterior propietaria do pazo, para a que a Real Academia Galega solicitou a distinción de Ben de Interese Cultural (BIC), ou as esculturas de Isaac e Abraham, do Mestre Mateo: “Xoias que lles expoliaron ao pobo galego e que xa é hora de recuperalas para sempre”.