Friday 22 de November de 2024

Máis dun cento de atletas daranse cita no Campionato de Galicia de Marcha en Ruta


O municipio pobrense converterase neste 8 de maio en sede do Campionato de Galicia de Marcha en Ruta organizado pola Federación Galega de Atletismo coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza. Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos Baz; e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure Muñiz.

A cita contará coa participación de aproximadamente 120 atletas e arrancará ao redor das 17.00 horas. O circuíto habilitarase no tramo da fachada marítima comprendido entre a rotonda que dá acceso ao peirao náutico e as inmediacións da lonxa, no porto comercial.

Os tres primeiros atletas clasificados das categorías sub-10, sub-12, sub-14, sub-16, sub-18, sub-20, sub-23, absoluta e as diferentes modalidades máster recibirán unha medalla conmemorativa do campionato.

No transcurso deste evento contarase coa colaboración da Protección Civil pobrense e será de obrigado cumprimento en todo o momento o protocolo sanitario FISICOVID-DXTGALEGO.

A edil Genoveva Hermo destacou a disposición da Administración local “en dinamiza-lo deporte e incentivar este tipo de acontecementos deportivos.”

Pola súa parte, o presidente da FGA, Isidoro Hornillos, agradeceu inicialmente a “actitude e compromiso” do Concello, o cal desenvolve “un gran labor no ámbito do deporte e, particularmente, no atletismo.” Do mesmo xeito, salientou a traxectoria da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, a cal cualificou como “un club referente.”

Na súa intervención, o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure, expresou o seu agradecemento á Federación e á Administración local. Tamén salientou que os deportistas participantes son especialistas desta disciplina, polo cal se “dedican exclusivamente á marcha en ruta.”

Finalmente, o rexedor, Xosé Lois Piñeiro, tamén tivo palabras de agradecemento para tódalas partes implicadas na realización da proba e manifestou que en próximas datas se darán a coñecer melloras de infraestruturas deportivas.

A rolda de prensa pódese visualizar a través da canle do Youtube da FGA, onde tamén se emitirá o campionato.