Thursday 21 de November de 2024

Rey: “Os terreos portuarios non están en venda. O Porto é dos coruñeses”


A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que o futuro do Porto se ten que deseñar desde a cidade e reiterou o compromiso do Concello para coordinar a apertura de Batería e Calvo Sotelo co fin de que a veciñanza volva gozar destas instalacións e se mellore a mobilidade da Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, reiterou hoxe tras a comisión técnica do Porto que a posición do seu Goberno é firme canto a que os terreos portuarios non están en venda, polo que non aceptan a proposta da Xunta de se quedar coa titularidade do 51% dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo: “O porto é dos coruñeses e o seguirá sendo mentres eu sexa alcaldesa. Eles son os que teñen que decidir sobre o futuro da cidade”. A rexedora insistiu en que as competencias de planificación urbanística son do Concello e “imos exercelas, o futuro do Porto é o futuro da cidade e temos que deseñalo desde a cidade, en colaboración coas administracións implicadas, pero non podemos empezar subastando terreos”. Para Rey, cómpre deseñar, como se acordou na reunión do 23F, un convenio marco de reordenación do espazo portuario interior e crear un ente público que se encargue da súa xestión.

Ademais, animou á Xunta a que invista os 26 millóns de euros que formula para A Coruña porque “entendemos que o que quere o Goberno galego é axudar á cidade, mais axudar á cidade non é comprar un soar”. Neste aspecto, recordou o compromiso adquirido polo Concello para definir un novo horizonte litoral baseado nos seguintes principios: “titularidade pública dos terreos, creación de equipamentos
dotacionais e espazos libres públicos e usos produtivos portuarios e complementarios vencellados á economía do mar”.

Seguindo o que marca a folla de ruta, a alcaldesa recordou que o que correspondeagora é abrir o porto á cidade nos espazos de Batería e Calvo Sotelo, xa que as concesións de San Diego non rematan até o 2027. Neste punto, púxose ao dispor do Porto de cara a coordinar a apertura e a integración destes peiraos na cidade para que, coma o sentir maioritario da veciñanza, se volva gozar das instalacións portuarias e se mellore a mobilidade na cidade, “e para iso todas as administracións encontrarán todo o compromiso e apoio do Concello”.