O avance do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia conclúe que o mes quedou caracterizado por situacións anticiclónicas, interrompidas pola chegada de zonas de aire frío en altura que ocasionaban a presenza de chuvascos tormentosos
A borrasca ‘Lola’ notouse na Comunidade a partir das xornadas do 24 e 25, con tormentas xeneralizadas polo choque entre o aire cálido en superficie, procedente do interior da Península Ibérica, e o frío en altura
A Comunidade galega viviu un mes de abril moi cálido e con precipitacións normais. Así se desprende do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que o cuarto mes de 2021 quedou caracterizado, en xeral, polas situacións anticiclónicas, interrompidas pola chegada de zonas de aire frío en altura que ocasionaban a presenza de chuvascos de carácter tormentoso.
Esta situación fixo que as temperaturas medias estivesen por riba das agardadas nesta época do ano; mentres que as chuvias si se situaron moi próximas ás agardadas, incluso en algún punto do interior o mes pode considerarse húmido.
En abril houbo un predominio de xornadas anticiclónicas nas que os valores eran elevados, principalmente durante as tardes e tamén xornadas tormentosas con chuvascos, pero sen frío. As temperaturas medias estiveron en xeral por riba dos valores agardados no cuarto mes do ano xa que tivemos poucos días de frío.
O valor medio das temperaturas máximas rexistradas o mes pasado para o conxunto de Galicia foi de 16,9 ºC. O valor máis alto rexistrouse no Miño ourensán, cunha temperatura que superou os 21 ºC.
En relación coas precipitacións, estas non estiveron moi afastadas dos valores que se poden agardar nun mes e abril, tanto en cantidade acumulada ao longo do mes como en número de días de chuvia. A precipitación media acumulada foi de 105 L/m2 e as cifras máis elevadas acadáronse na Serra do Suído; mentres que os valores máis baixos déronse principalmente nalgunhas localidades da comarca de Valdeorras, con rexistros próximos aos 40 L/m2
Borrasca ‘Lola’
A Comunidade galega non foi allea o paso da borrasca Lola. Tal e como se recolle no informe elaborado por MeteoGalicia, a partir da xornada do 22, en Galicia diminuíu a inestabilidade, pero de xeito moi transitorio, pois no Atlántico, ao redor das Azores, comezaba a formarse a borrasca.
Así, entre os días 23 e 26, a borrasca Lola quedou illada da circulación xeral, localizándose entre as Azores e a Península Ibérica. Dende esa posición achegaba aire cálido en superficie pero frío en altura, de xeito que as tormentas foron moi xeneralizadas neste período, particularmente os días 24 e 25.