Friday 22 de November de 2024

A concellaría de Medio Ambiente lanza unha campaña de información sobre a recollida de obxectos de gran volume e de aparellos electrónicos


O segundo luns de cada mes recóllense aparellos eléctricos a domicilio e dúas veces ao mes recollese mobiliario
A concellaría de Medio Ambiente do Concello de Lousame impulsa o funcionamento do servizo de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos e de mobiliario baixo demanda a través dunha campaña informativa nas redes e sociais e ao longo do municipio con material gráfico.

Co obxectivo de evitar a formación de vertedoiros incontrolados e fomentar a reciclaxe, cada 15 días os equipos técnicos proceden á recollida baixo demanda de mobles, colchóns, xoguetes non eléctricos e outros elementos de gran volume. Para facer uso deste servizo é imprescindible realizar unha solicitude previa a través do teléfono 981 191 240. O persoal deste servizo fixará a data na que as persoas usuarias poderán depositar o obxecto na área de aportación máis próxima –ben pode ser ao lado dos colectores ou na planta de Servia-. A recollida efectuarase dúas veces ao mes.

No caso dos aparellos eléctricos e electrónicos -como ben poden ser neveiras, lavadoras, secadoras, televisións, teléfonos, etc- e de pequenos residuos de obras domésticas, estes serán recollidos no propio domicilio. O servizo executa a recollida o segundo luns de cada mes e tamén é imprescindible facer unha solicitude previa a través do teléfono 981 820 494.

O concelleiro de Medio Ambiente, Ramón Martínez, sinalou que “é tarefa de toda a sociedade coidar o medio no que vivimos e, por tanto, temos que ser conscientes da importancia de reciclar e de facer un correcto uso dos servizos municipais de recollida”.