O vicepresidente primeiro presidiu, xunto ao secretario xeral da Emigración, a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
O programa “Conecta co Xacobeo” permitirá a participación activa no Camiño de Santiago dos galegos do exterior durante o Ano Santo, dándolle así un pulo ás entidades galegas
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu, xunto ao secretario xeral da Emigración, Antonio Miranda, a Comisión Delegada do XII Consello de Comunidades Galegas durante a cal se avanzaron as novas iniciativas previstas pola Xunta para a promoción do Camiño de Santiago entre os galegos do exterior, co obxectivo de darlle un pulo ás entidades galegas que viron limitadas as súas actividades a causa da pandemia.
Deste xeito, tal e como explicou Alfonso Rueda aos membros da Comisión Delegada, a Secretaría Xeral da Emigración crea este programa, Conecta co Xacobeo, para o Ano Santo que permitirá desfrutar do Camiño a 200 persoas, a proposta das entidades galegas do exterior, en concreto, de España e Europa, con idades entre 18 e 64 anos.
Os beneficiarios percorrerán a pé os últimos 100 quilómetros do Camiño Portugués pola Costa ou da Vía da Prata en 6 etapas. Durante estes tramos, os participantes coñecerán o patrimonio cultural e natural das respectivas zonas polas que vaian pasando. O programa, que conta cun orzamento de 300.000 euros, desenvolverase nas dúas primeiras semanas de agosto. Durante esta reunión, tamén se explicaron o programa especial de Axudas de Emerxencia que será publicado no DOG nos próximos días e que estará dotado de 500.000 euros ao tratarse dun ano marcado pola covid-19.
A Comisión Delegada
O órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade está conformado por doce entidades electas, catro representando aos galegos de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. A estas hai que engadir dúas entidades máis que teñen o carácter de membros natos por contar con máis de 20.000 persoas asociadas.
A Comisión, que se reúne con carácter ordinario a lo menos unha vez ao ano, está presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidente do Consello de Comunidades Galegas, e o vicepresidente é o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. Esta é a segunda ocasión na que ser reúne esta Comisión no que vai de ano, dada a peculiaridade que estamos a vivir na actual situación de pandemia e de cara a facer, así, un seguimento da situación dos galegos do exterior, xa tal e como sucedeu no pasado 2020.