O acordo do Goberno municipal coa compañía aérea permite ofrecer un 16% máis de prazas
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado do tenente de alcalde de Emprego e Empresa e presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, reuniuse esta mañá no Pazo Municipal de María Pita cos directores de Vendas e de Comunicación e Relacións Institucionais de Iberia, Víctor Moneo e Juan Cierco, respectivamente, para anunciar os novos acordos alcanzados coa compañía aérea, que aumenta a súa oferta en Alvedro nun 16%, é dicir, máis de 60.000 asentos en 2015, grazas á posta en funcionamento de dúas novas rutas (París e Valencia) e ao incremento das conexións con Madrid. Ademais, presentaron un convenio de promoción da cidade que permitirá chegar a máis de 3 millóns de persoas a través das publicacións e plataformas de información das que dispón Iberia.
“Estes acordos supoñen compartir xuntos o futuro. Iberia aposta polo aeroporto de Alvedro, unha boa noticia para conseguir que unha compañía que estivo moitos anos connosco diga hoxe que si cree no futuro de Alvedro,” asegurou o alcalde, quen destacou que o acordo con Iberia non só supón incrementar nun 16% a oferta da compañía dende o aeroporto coruñés, senón que ademais permite dar “visibilidade” á cidade. “O acordo de promoción da cidade permitiranos chegar a máis de 3 millóns de persoas. A Coruña vai a estar visible para conseguir máis turismo e máis congresos”, detallou Negreira.
O anuncio realizado hoxe supón incrementar en máis de 60.000 asentos anuais a oferta de Iberia en Alvedro grazas ás novas rutas e ao incremento das comunicacións con Barajas:
. París. O voo entre Alvedro e Orly, cunha frecuencia semanal, empezará a operar o 31 de marzo. Os billetes póñense hoxe á venda, cun prezo de lanzamento de 139 euros. “Trátase dun voo internacional con vocación de permanencia. Orly súmase a doushubs como Lisboa e Londres-Heathrow”, destacou Carlos Negreira.
. Valencia. A conexión empezará a funcionar o 27 de outubro con dous voos semanais (martes e xoves). Os billetes poñeranse á venda nos próximos días.
. Madrid. O programa de voos con Barallas verase mellorado a partir de abril co inicio da tempada de verán. A nova oferta de voos (cinco frecuencias diarias de luns a venres, dous os sábados e tres os domingos -30 á semana-) verase incrementada co uso de avións máis grandes (ademais do Airbus A319, de 141 prazas, que se utiliza actualmente, empezarase a operar con avións A320 e A321, de 171 e 200 prazas, respectivamente). Os horarios e a estabilidade dos voos permitirán mellorar as conexións co resto de voos da rede de Iberia, tanto a nivel europeo como intercontinental. A maiores, a oferta de prazas a Madrid increméntase un 10% -40.000 asentos máis- a partir do 2 de novembro con dúas frecuencias adicionais. Así, tal e como explicou o director de Vendas de Iberia, Víctor Moneo, pasarase dos 400.000 asentos anuais a Madrid aos 440.000: “Non é só un incremento da oferta, senón que supón consolidar o programa de voos entre Madrid e Alvedro”.
O tenente de alcalde de Emprego e Empresa e presidenta do Consorcio de Turismo de
A Coruña asegurou que o anuncio realizado hoxe supón dar “un “paso máis no camiño conxunto” que realizan Alvedro e Iberia. Neste sentido, tanto dende o Concello coma dende a compañía aérea prestouse especial relevancia á decisión de, ademais de aumentar a oferta de voos, desenvolver un acordo de promoción da Coruña que chegará a máis de 3 millóns de persoas:
. Publicación na revista Rolda Iberia dunha reportaxe, incluíndo información sobre a exposición de Picasso e os atractivos da cidade destacando A Coruña como cidade de cruceiros. A reportaxe publicarase no mes de maio na revista, que conta con 1,5 millóns de lectores.
. Concursos en redes sociais.
. A Coruña tamén se promoverá nos vídeos que se proxectan nos voos e na páxina web de Iberia.