O xurado valorou o “universo orixinal e coherente e a estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética”.
O acto de entrega do galardón terá lugar o 28 de maio, e servirá, así mesmo, para presentar As pulsacións, a obra coa que Manuel López Rodríguez gañou a pasada edición.
O vigués Álex Mene acaba de facerse co XXIV Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Os puntos do impacto. O autor, que conta xa con varias publicacións, acadou o galardón tras conquistar ao xurado do certame cun “universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propoñendo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela”.
O xurado salientou, iso si, “a calidade demostrada no conxunto de obras presentadas a esta edición do certame, no que se contou cun alto número de poemarios merecentes do premio”. O tribunal do concurso estivo formado polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida –presidente-, por Manuel López Rodríguez –gañador da pasada edición e que estivo en calidade de vogal-, Inma Otero –crítica literaria e profesora, tamén en calidade de vogal-, Luciano Rodríguez Gómez –profesor e investigador literario como vogal- e por Carlos Lorenzo –técnico municipal de Cultura en calidade de secretario-.
Álex Mene (Vigo, 1969) é doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, cidade onde tamén se especializou en Realización e Produción no Instituto Oficial de Radio e Televisión. No ano 2018 publicou o álbum ilustrado A raíña das tortas –Alvarellos-. Así mesmo, gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Muíño do Vento” coa súa obra Indómita e a semente da inmortalidade –Bululú-. No ano 2020 obtivo o 3º premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira (Foto de familia). Este ano, a súa novela Ana e as súas irmáns (Do Peirao) verá a luz.
O premio de Carral está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio “Concello de Carral” está previsto para o 28 de maio e servirá, así mesmo, para presentar o libro As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a XXIII edición do certame.
Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.
O Concello de Carral está xa a traballar na XXV edición do Concurso de Poesía, que terá lugar o vindeiro ano. Co obxectivo de converter Carral na capital da poesía galega, estanse a organizar recitais, xornadas literarias, espectáculos relacionados con este xénero, proxeccións, exposicións, etc.
Concursos escolares e xuvenil
Os certames escolares e xuvenil, que se resolverán nos próximos días, acadaron tamén unhas excelentes cifras de participación. Tanto así, que tomaron parte nestes concursos uns 120 alumnos e alumnas dos centros de ensinanza do municipio.