Friday 22 de November de 2024

O Concello de Boqueixón celebrará o domingo 16 de maio un festival con motivo da celebración do Día das Letras Galegas


As Ínsuas de Gres acollerán esta cita que contará cun espectáculo teatral, actividades de promoción da lingua e a entrega de premios do VII Certame de relato curto Xosé Neira Vilas

O Concello de Boqueixón conmemorará o Día das Letras Galegas cun completo festival. A cita desenvolverase o vindeiro domingo 16 de maio nas Ínsuas de Gres (Ponte Ledesma).

A organización salienta que se escolleu esta localización pola súa relación coa vida e obra de Xosé Neira Vilas, que da nome ao certame anual de relato curto. Ademais, destacan que a ínsua na que terá lugar o evento pertence ao Concello de Boqueixón e representa un nexo de unión das dúas bandas do río.

A asistencia a esta cita é de balde, mais o aforo estará limitado. Por iso, cómpre formalizar unha inscrición previa no Departamento de Cultura (cultura@boqueixon.com ou no teléfono 981 513 115) antes do 14 de maio.

Co fin de realizar unha distribución dos espazos de acordo cos protocolos de seguridade e prevención fronte á COVID-19, prégase ás persoas asistentes que acudan a Ponte Ledesma arredor das 11.45 horas. En caso de choiva, o festival trasladarase ás instalacións da Casa da Cultura de Camporrapado.

O Festival das Letras Galegas contará cun completo programa que comezará ás 12.00 horas. Duende Sico ofrecerá o espectáculo teatral e musical para público familiar A mestra da lingua. Esta proposta complementarase con diverso tipo de actividades de animación e promoción da lingua galega.

Galardóns a escritores e escritoras noveis

O acto central deste festival será a entrega de premios do VII Certame de relato curto Xosé Neira Vilas. Todas as persoas asistentes a este acto recibirán cadanseu libro recompilatorio dos traballos galardoados neste concurso de escritores e escritoras noveis.

Nesta edición, presentáronse máis de medio cento de traballos creados por escolares de Educación Primaria e Secundaria. As propostas están a ser valoradas polo xurado, composto polas seguintes persoas:

• Presidenta: Rosario Iglesias Iglesias, técnica de Cultura do Concello de Boqueixón.
• Vogais: Manuel Vilaboa Cebreiro, profesor de galego no CPIP Antonio Orza Couto; Mª Rosario Golmar Saavedra, membro da Fundación Xosé Neira Vilas, e Xosé Manuel Lobato Martínez, presidente da Asociación cultural Mestre Manuel Gacio.

O Certame de relato curto Xosé Neira Vilas retoma a súa actividade logo dun ano sen poder celebrarse por mor da pandemia. Esta cita está impulsada polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas e o CPIP Antonio Orza Couto. O seu obxectivo é potenciar a lectura e a creatividade literaria entre escolares, ademais de fomentar valores como a liberdade, o respecto e a tolerancia.