O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá, mediante videoconferencia, na xornada sobre materiais biobasados enmarcada no proxecto Valornature, no que colabora o CIS Madeira
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, inaugurou esta mañá, mediante videoconferencia, unha xornada sobre materiais biobasados enmarcada no proxecto do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (POCTEP) Valornature. Na súa intervención destacou que a obtención de materiais de uso comercial a partir de residuos agroforestais supón unha oportunidade para o rural galego.
Lema explicou que froito deste proxecto, no que participa o CIS Madeira coa colaboración do Pólo de Inovaçao em Engenharia de Polímeros e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, este ano puxéronse ao servizo da sociedade varios dos materiais obtidos, colaborando na fabricación de pantallas faciais para a protección de profesionais
socio-sanitarios.
Neste sentido, o director de Xera explicou que os materiais presentados na xornada son un exemplo de bioeconomía circular ao permitir transformar residuos en materiais, valorizando os procesos produtivos e favorecendo a neutralidade climática. Estes novos materiais achegan múltiples funcionalidades –desde o seu uso para o mobiliario ata a industria do automóbil– e permiten gañar productividade aos procesos industriais dos produtos forestais ou agroforestais.
Lema rematou lembrando a aposta que desde a Xunta de Galicia se fai polo fomento da innovación nos novos materiais e puxo como exemplo o certame de materiais innovadores convocado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) que aínda ten aberto o prazo de presentación.