Friday 22 de November de 2024

A Xunta mantén unha xuntanza coa Delegación do Goberno, Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local para coordinar o proceso de vacinación masiva que dará comezo mañá nas sete grandes cidades


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, solicitaron a máxima coordinación entre as Administracións e os corpos de seguridade para que todo discorra coa maior fluidez e rapidez

Os representantes autonómicos avanzaron que se prevé a chegada dun número importante de vacinas polo que mañá haberá un proceso masivo de vacinación nos 14 centros habilitados

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade,Julio García Comesaña mantiveron esta mañá unha xuntanza coa Delegación do Goberno e os representantes da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local para coordinar o proceso de vacinación masiva que dará comezo mañá nas sete grandes cidades.

Segundo indicou Alfonso Rueda, nestes momentos é prioritaria a máxima coordinación entre as Administracións e os corpos de seguridade para que todo discorra coa maior fluidez e rapidez posible, unha vez se vaian recibindo as vacinas, para poder vacinar ao maior número de cidadáns no menor tempo posible.

Desta maneira, ante a chegada dun número importante de vacinas, a Xunta traballa na programación da vacinación masiva en grandes espazos, xa que o importante é seguir avanzando no proceso de vacinación, polo que mañá haberá un proceso masivo de vacinación nos 14 centros habilitados.

Alfonso Rueda sinalou que “temos a capacidade para vacinar e cando teñamos as doses, vacinar rápido é o obxectivo”. Ademais agradeceu a colaboración que, segundo dixo vai ser fundamental, “hai vacinas, está todo perfectamente planificado e hai uns corpos de seguridade e os concellos colaborando, o que é fundamental”.

O conselleiro de Sanidade, aproveitou para agradecer o traballo e colaboración das forzas de seguridade do Estado para garantir a seguridade, tanto das persoas que acuden aos grandes recintos a vacinarse, coma dos equipos de enfermería que administran as doses. Julio García Comesaña destacou que esta semana está previsto vacinar a 240.000 persoas, dando así un chanzo importante no Plan Galego de Vacinación.