Saturday 16 de November de 2024

Feijóo marca como obxectivos de Turismo de Galicia para 2016 un crecemento do 25% no número de turistas totais, nos estranxeiros e no gasto destes últimos


O presidente da Xunta anuncia que dará “un paso máis” para mellorar nos vindeiros dous anos os rexistros turísticos de 2014, que xa foron “plenamente satisfactorios”

Logo de coñecerse o balance do Plan Integral de Turismo de Galicia, presentado na sesión do Consello Galego de Turismo, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, elevou os obxectivos do Plan de Turismo para os vindeiros dous anos. “Lonxe de darnos por satisfeitos co acadado, imos dar un paso máis e reformular á alza os obxectivos de viaxeiros nacionais e internacionais para os anos 2015 e 2016”, incidiu o presidente.

Concretamente, a Xunta de Galicia márcase como obxectivo un crecemento do 25% en tres dos principais indicadores do éxito turístico da comunidade: ao número de turistas estranxeiros, coa meta de pasar desde un millón a 1.250.000 visitantes; ao número total de turistas, que se espera que pase de catro a cinco millóns, e ao do gasto dos viaxeiros chegados desde fóra de España, co obxectivo de que pase desde os 900 millóns de euros ata os 1.050 millóns en 2016.

A xuízo do presidente do Goberno galego, o balance do ano que vén de rematar é “plenamente satisfactorio”, pois se acadaron “todos os obxectivos previstos para 2014” e incluso “algúns dos obxectivos que tiñamos marcados de maneira inicial para 2016”. “Este incremento nos últimos dous anos vén a probar que temos que seguir traballando neste potencial de xeración de emprego e de dinamización económica que é o sector turístico de Galicia”, explicou Feijóo.

“Estamos convencidos que as potencialidades de crecemento son maiores, debemos de seguir apostando por un turismo cunha oferta coordinada para consolidar a recuperación económica”, afirmou o presidente. A estratexia da Xunta pasa por “insistir e persistir” nas seis liñas principais que “están a dar resultado”: o Camiño de Santiago como eixe vertebrador de novas alternativas de turismo en Galicia; unha oferta turística baseada no Patrimonio e os recursos endóxenos diferenciais; a consolidación de Galicia como destino ambiental, social e economicamente sostible; o apoio ao talento e ao uso das novas tecnoloxías para captar e dar a coñecer a oferta turística da comunidade; a promoción de Galicia como destino único, “un eixo estratéxico no que proseguiremos”, e “o consenso e a colaboración excepcional” entre a Administración turística de Galicia e a iniciativa privada, fundamentalmente o Clúster de Turismo de Galicia.