Saturday 16 de November de 2024

Feijóo anuncia a convocatoria de 1.163 prazas de emprego público este ano, catro veces máis que na OEP de 2014


Precisa que das 1.163 prazas previstas para 2015, 446 se corresponden con persoal docente, 344 para persoal sanitario, e 373 para persoal da Administración xeral

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, en materia de Función Pública, cales serán as ofertas de emprego público para este ano 2015 das consellerías de Facenda, Sanidade e Educación; unha convocatoria de emprego público que con 1.163 novas prazas este ano -precisou- vai multiplicar por catro as ofertadas respecto a 2014, e será “a maior oferta de emprego público desde o ano 2009”.

Máis polo miúdo, e logo de lembrar que o pasado ano se aprobou unha convocatoria de case 275 prazas, Feijóo explicou que das 1.163 novas prazas para 2015, 446 se corresponden con persoal docente, 344 serán para persoal sanitario, e 373 para persoal da Administración xeral. En próximas datas, agregou, concretaranse por sectores e especialidades como van ser distribuídas, unha vez se negocien cos sindicatos.

No caso das 446 prazas de Educación, o responsable do Goberno galego subliñou que a proposta da Xunta é que 432 sexan para o corpo de mestres e 14 para Inspección Educativa. Canto ás 373 prazas da Administración xeral, explicou que 265 serán de quenda libre e 108 de promoción interna. Esta oferta comprenderá, entre outras, áreas como a loita contra a fraude fiscal, o asesoramento xurídico, a informática, os gardacostas, as ensinanzas náuticas, a veterinaria, a inspección urbanística ou os axentes ambientais. Por outra banda, no tocante á oferta de emprego no servizo Galego de Saúde, indicou que será de 344 prazas, a maioría destinadas a persoas facultativo e de enfermaría.

Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego cunha Administración Pública ben dimensionada, moderna e eficaz, e con ese obxectivo -dixo- a Xunta aprobou a Lei de Emprego Público; está a facilitar a mobilidade dos funcionarios impulsando concursos de traslados e implantando, por primeira vez na comunidade autónoma, o teletraballo; e convoca novas prazas de emprego público, como as previstas para este ano 2015.