A alcaldesa, Inés Rey, anunciou a creación da nova estrutura, que irá desde a parte traseira do polideportivo até a praza Pinos e substituirá as escaleiras actuais
A alcaldesa da cidade, Inés Rey, anunciou que a próxima semana comezarán as obras para construír unha rampla accesible no Barrio das Flores. A nova estrutura irá desde a parte traseira do polideportivo municipal até a praza Pinos. Deste xeito, sinalou, “desaparecen as escaleiras e facilítase a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida”.
Esta actuación conta cun investimento de 92.800 euros e, segundo Rey, “trátase dunha vella demanda das veciñas e veciños do Barrio das Flores, que levaban moitos anos pedindo que se colocasen ramplas ou outros elementos para evitar as escaleiras actuais, que se atopan en moi mal estado, co fin de facilitar así a mobilidade”.
A rexedora lembrou que, xunto co concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, visitou a zona e reuníronse con representantes da asociación veciñal para escoitaren as súas demandas e problemáticas máis urxentes, sobre todo en materia de accesibilidade. Nesa visita, apuntou Rey, “comprometémonos a acometer varias melloras de accesibilidade no barrio e hoxe podo anunciar que a semana que vén as máquinas xa estarán traballando na zona”.
A rexedora destacou que esta actuación é unha proba máis de que o Goberno local escoita a veciñanza de todos os barrios da cidade e actúa de forma consecuente e inmediata para responder as súas demandas.