Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey: “Levamos investidos nos Mallos máis de 1,4 millóns de euros en obras de mellora do espazo público”


A alcaldesa visitou as obras de rehabilitación do pavillón de José Toubes Pego (Remanso) destinado a usos xuvenís, que supoñen un investimento de 423.270 euros, con financiamento Eidus

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada do concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas. Juan Díaz Villoslada, e das concelleiras de Barrios e Benestar Social, Diana Cabanas e Yoya Neira, supervisou esta mañá as obras de peonalización e implantación do carril bici na rúa Mariscal Pardo de Cela. Un proxecto, sinalou, cun investimento de 141.000 euros que supón gañar para o uso cidadán máis de 1.000 metros cadrados nun barrio con déficit de zonas peonís e de lecer.

“Nos 20 meses que levamos de goberno investíronse máis de 1.400.000 euros en obras de mellora do espazo público no barrio dos Mallos e 700.000 en Catro Camiños e en todas as intervencións primou a accesibilidade, a introdución de mobiliario urbano de calidade e arboredo e a renovación completa de pavimentos e infraestruturas”, dixo, Durante o percorrido, a alcaldesa lembrou que a actuación forma parte do proxecto de rolda peonil anunciado en xaneiro de 2020. Até o de agora, dixo, inauguráronse 4
tramos: o proxecto de mellora da accesibilidade e o espazo público de Oidor Gregorio Tovar, en marzo de 2020, cun investimento de máis de 500.000 euros; a peonalización de Puga y Parga en abril de 2020 cun investimento de preto de 100.000 euros; a peonalización do primeiro tramo da rúa Ramón Cabanillas cun investimento de 130.000 euros, e agora Mariscal Pardo de Cela. Isto supón máis de 3.000 metros cadrados de uso peonil novos e a urbanización doutros 4.000 metros cadrados de rúa no caso de Oidor Gregorio Tovar, unha vía con gran potencial comercial no barrio.

A rexedora tamén supervisou en Catro Camiños as obras de rehabilitación do pavillón de José Toubes Pego (Remanso) destinado a usos xuvenís, que supoñen un investimento de 423.270 euros, con financiamento Eidus.

“Pretendemos que se converta nun espazo xuvenil de referencia na cidade, un dos múltiples espazos que se irán sumando á oferta xuvenil da Coruña, nesta nova etapa en que estamos a centrar os nosos esforzos en potenciar as políticas de mocidade, tras a descentralización do Centro de Información Xuvenil en 3 Espazos de Información Xuvenil no Fórum, o Ágora e o Centro Cívico da Cidade Vella”, dixo a rexedora.

Na visita, a rexedora explicou que o novo centro constará de dúas plantas: unha planta baixa e unha planta soto. A planta de acceso conta cunha sala de estancia de 84 m2 pensada para que a mocidade poida organizar as súas propias actividades de lecer. A alcaldesa explicou que se busca que sexa un espazo inclusivo e apetecible para a xuventude co fin de promover así alternativas de lecer saudable.

A planta soto contará cunha sala multiusos de 80 m2 denominada “O Búnker” á que a mocidade poderán acudir a estudar ou a traballar nos seus proxectos académicos. Non será unha aula de estudo ao uso, senón un espazo máis versátil no que poderán reunirse en grupo para debater ou realizar aqueles proxectos en equipo para o que non se conta con espazos. Ademais, o centro disporá dun equipo de dinamización sociocultural e dun sistema de préstamo de equipos informáticos para tratar de eliminar a fenda dixital entre as e os menores máis vulnerables.