Maria Luísa Grandío, coñecida artísticamente como Novais, amosará a súa obra en Fene ao longo do mes de maio. A mostra, titulada “Bailando entre pinceles”, inaugúrase o vindeiro martes, 4 de maio, ás 20 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura e poderá visitarse até o día 28 en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. A exposición incluirá pezas realizadas ao óleo, acrílicos e tintas.
Segundo Novais, “as obras que compoñen esta exposición representan unha alegoría do tempo, o nexo de expresións dos momentos vividos, das lembranzas e dos tempos de diferentes épocas e emocións”. Son pinturas marcadas por unha “explosión de vida e de cor”. Nelas combínanse “as visións das viaxes, a través de diferentes formas e modelos, coa vida cotiá -onde moitas veces se atopa a inspiración-, pero tamén coa imaxinación creativa ou a visión da miña realidade a través dos soños”. “Pinceles de cores e trazos en negro que reforzan a figura dentro do cadro e a temática da obra”. Porque, para Novais, “a
cor plasma a ilusión e a ledicia das gañas de vivir”.
Nesta exposición “as obras bailan cos pinceis, simbólica expresión de distintos movementos, coma os das teclas dun piano, e das cores”. Porque, afirma Novais, “entre a música e os pinceis xorde o movemento das miñas obras”.
María Luísa Grandío, Novais, é pintora e membro das asociacións de artistas ARGA “Asociación Artística Plástica Gallega”, SAF ”Asociación Artística Ferrolana”, Liceo Europeo de las Artes, Pintores Destacados de Galicia, Asociación de Artistas da Coruña e AEPA “Asociación Española de Pintores y Escultores”.
Realizou estudos de decoradora de interiores pola Escola Superior Pablo Picasso da Coruña. É graduada en “Artes e Arquitecto de Interiores. Arte Gallego Contemporáneo en la Naturaleza”, pola UIMP, Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Ademais, ten realizado cursos de escaiola, vaciado, talla en madeira, de acuarela, óleo, pastel e técnicas de debuxo. E talleres de arte cos pintores Pacucha Segade, Mariano García Patiño e Manuel Romero.