A actuación consistiu no acondicionamento de toda a zona e na instalación dun pequeno estanque, mesas e bancos.
Sandra Insua destaca “a boa acollida que está a ter entre a veciñanza xa que é un lugar privilexiado”.
Encarna Liñeiro explicou que neste punto “non se vía o río desde hai moito tempo ao estar cuberto pola maleza” e anunciou que “queremos crear recunchos con encanto similares a este por todo o municipio”
O Concello de Camariñas levou a cabo uns traballos de acondicionamento do antigo lavadoiro de Portocelo, situado en plena ruta do Camiño dos Faros, nun espazo de ocio para o desfrute de toda a cidadanía.
A actuación, financiada con fondos municipais, levouse a cabo na zona do río onde antigamente lavaban a roupa as mulleres da zona do Campo de Camariñas e que se atopaba totalmente cuberta por silvas e outro tipo de vexetación que impedía ter unha visión directa do río.
En primeiro lugar realizáronse traballos de roza de toda a zona para despois instalar un pequeno estanque na zona que antigamente se dedicaba a lavadoiro e, máis pegado á costa, instalouse unha mesa con bancos que conta cunhas fermosas vistas.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destaca “a boa acollida que está a ter entre a veciñanza xa que é un lugar privilexiado”. Pola súa parte, a concelleira de Turismo, Encarna Liñeiro, explicou que neste punto “non se vía o río desde hai moito tempo ao estar cuberto pola maleza” e ademais aproveitou para anunciar que “queremos crear recunchos con encanto similares a este por todo o municipio”.