O Concello de Moeche tiña previsto para o pasado mes de outubro un pequeno acto de tributo a Soledad Campos Gil, canteira de San Xurxo que durante anos abasteceu os estaleiros da ría con pedra para marcar chapa. A homenaxe encadrábase nos actos do 25 de novembro pero, igual que outras actividades municipais, tivo que adiarse dúas veces por causa da repunta da pandemia. Agora, nun contexto sanitario máis favorable, o Goberno local fixou a homenaxe para este domingo 2 de maio a partir das 12.30h. no aparcadoiro do castelo de Moeche. Descubrirase unha placa e máis unha escultura na súa honra, obra de Carlos García, coa asistencia de familiares, membros da Corporación, colectivos sociais e representantes tanto do Comité de Empresa de Navantia como da firma Caleras de Moeche.
Soledad naceu en 1901 en Felgosa, na parroquia de San Xurxo, no seo dunha familia de canteiros que traballaron sempre o toelo.
Ser muller nunha época de roles femininos moi marcados pola sociedade non foi atranco para se converter nunha continuadora máis tradición familiar, aínda que ela se especializou en extraer, cortar e preparar pequenos anacos de serpentinita -unha das rochas que compoñen o toelo- para venderllas aos estaleiros da ría, onde se utilizaban como xiz marcador das liñas de corte das chapas e calquera outra medida que cumprise facer visible sobre o aceiro.
Mantívose activa case até a súa morte, en 1993, e a súa figura deixou patente que non hai profesións “de homes” nin “de mulleres”, senón traballos feitos por persoas. Soledad legou tamén -seguramente sen sabelo nin pretendelo- un exemplo inspirador de afouteza compartido con moitas outras mulleres de Moeche, ao que agora se lle quere render o tributo que non se lle ofreceu en vida.
Será este domingo 2 de maio, Día da Nai, ás 12.30h. na súa parroquia natal, en presenza de familiares, de representantes da ANPA do CEIP San Ramón, de colectivos veciñais e de membros da Corporación, ademais de todas as persoas que queiran achegarse até o aparcadoiro do castelo (sempre gardando a separación e usando máscara). Alí descubrirase unha placa e unha figura na honra de Soledad esculpida en pedra de Moeche polo artista Carlos García.
Ao evento tamén asistirán unha representación do Comité de Empresa de Navantia e responsables de Caleras de Moeche, firma propietaria das canteiras existentes na parroquia que doou a o grande bloque de toelo sobre o que quedará colocada a escultura. De feito, esta homenaxe tamén será en certo modo unha reivindicación do propio material, como pedra característica do noso concello, xeradora de actividade económica arredor de si e un dos elementos xeolóxicos máis destacados do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.
Antes de quitarlle o pano á escultura intervirán brevemente un representante da A.VV. Val de Moeche, un dos seus familiares e a alcaldesa do municipio.