Friday 22 de November de 2024

Comezan as obras de construción da nova EDAR de Sergude


O proxecto conta cun investimento próximo aos 1,7 millóns de euros

Os traballos para a construción da nova Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sergude xa están en marcha. A empresa adxudicataria do proxecto, Vázquez y Reino, SL, iniciou os traballos de movemento de terras para a habilitación da futura infraestrutura.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitou esta semana a zona para coñecer in situ a evolución das obras. O rexedor celebra a posta en marcha dos traballos: “con esta nova EDAR poderemos dar servizo para ata 3.000 habitantes, o que suporá triplicar a actual capacidade da depuradora de Sergude”. Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses.

O Concello de Boqueixón aporta 360.000 dos case 1,7 millóns de euros de investimento total previsto para esta infraestrutura. O proxecto é posible grazas a un convenio de colaboración entre o organismo autonómico Augas de Galicia e o Concello de Boqueixón. A administración local tamén cedeu os terreos necesarios para a habilitación da infraestrutura, xusto a carón da actual EDAR. Ademais, a actuación conta tamén co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) Galicia 2014-2020.

Capacidade media de 44 m3/hora

A futura depuradora mellorará as infraestruturas de saneamento dos núcleos de Sergude e Lestedo, unificando, deste xeito, o tratamento das súas augas. Tamén dará servizo ao polígono industrial de Sergude.

A nova infraestrutura contará cunha primeira estrutura de pretratamento da auga, separando en tres contedores diferentes os residuos sólidos, as graxas e as areas. Tras este proceso sitúase o tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos de auga á hora, inda que tamén pode tratar pico de ata 81 metros cúbicos. En caso de chuvias torrenciais que superen este caudal, o exceso enviarase a un depósito de retención ou tanque de tormentas.

O tratamento biolóxico estará conformado por un sistema de lodos activados por aireación prolongada en baixa carga, que contarán con dous axitadores para a produción de osíxeno. O seguinte proceso será o da decantación secundaria, integrada por dúas liñas, onde os lodos separaranse por gravidade a un pozo de bombea para a súa posterior deshidratación.