A corporación local celebrou unha sesión plenaria extraordinaria para dar conta da renuncia do concelleiro
A corporación local do Concello de Padrón despediu hoxe de forma oficial ao concelleiro Ángel Rodríguez Conde nunha sesión plenaria extraordinaria. Facer pública a renuncia do edil era o único punto na orde do día co obxectivo de seguir o procedemento habitual determinado para insertar no Taboleiro de Anuncios, trasladar a información á Intervención Municipal e dar conta á corporación municipal.
Ángel Rodríguez Conde era o responsable das áreas de Saúde Pública, Deportes, Protección Civil e Emerxencias, Tráfico persoal e festexos. Departamentos que agora serán redistribuídos, nos tempos establecidos en base aos procedementos habituais.
No pleno, Ángel Rodríguez Conde, agradeceu a todas as persoas da corporación municipal o compañeirismo amosado en diferentes momentos, se ben en especial se dirixiu ao seu grupo, o do Partido Popular, co que asegurou compartir “grandes momentos” ao longo destes anos. “Quero agradecer a Antonio a confianza depositada en min e a todos os meus compañeiros e compañeiras do equipo de Goberno pola xenerosidade coa que sempre me trataron. Non teño dúbida de que traballando coa mesma dedicación e autoesixencia que ata o de agora conseguiran sacar adiante todos os proxectos que teñan enriba da mesa. Tamén quero agradecer aos edís da oposición cos que mantiven unha convivencia marcada polo respecto máis alá das diferenzas políticas existentes. E, por suposto, agradecer á veciñanza de Padrón o apoio e cariño que me proporcionaron sempre. Hoxe despídome de todos vos, pero sen dúbida non é un “adeus” senón un “ata pronto”. Comezo unha nova etapa profesional, pero
Padrón seguirá no meu corazón”, afirmou Ángel Rodríguez nesta despedida.
O rexedor, Antonio Fernández Angueira, aproveitou a ocasión para agradecer, unha vez máis, a labor de Ángel Rodríguez coma concelleiro de Padrón. “Agradezo moito a súa implicación coa veciñanza durante estes anos e a súa contribución aos proxectos desenvoltos por esta administración. Para todo o noso grupo foi unha honra traballar contigo”, asegurou.