A regulación dos albergues turísticos introduce como principal novidade, a clasificación en dúas categorías, substituíndo a clasificación por estrelas
Turismo de Galicia acordou co Clúster do sector a nova ordenación dos establecementos hoteleiros e albergues turísticos.
Os ditos decretos foron sometidos, así mesmo, ao Consello do Turismo de Galicia e á consulta das organizacións máis representativas do sector aos efectos de incorporar as súas aportacións e a valoración do sistema establecido como adecuado para a consecución dos obxectivos vinculados á modernización e a competitividade.
A modificación da regulación dos establecementos hoteleiros ten como obxectivo introducir un sistema de cualificacións novidoso que permita ter en conta, por unha parte, as infraestruturas e o cumprimento duns mínimos obrigatorios para todos os establecementos da mesma categoría, e por outra parte, os servizos prestados polos establecementos, ofrecidos á libre elección dos titulares dos mesmos.
Neste novo sistema de clasificación por puntos, valóranse tanto a importancia da percepción da calidade que teñen os consumidores e usuarios, coma os requisitos mínimos que se teñan que cumprir en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, adecuados aos estándares xerais do sector. Así mesmo, inclúe a posibilidade de mellorar a competitividade dos establecementos, mediante un sistema flexible da clasificación cun espazo que permite a innovación empresarial no noso territorio.
Así, a novidade máis destacada é a introdución de parámetros de calidade do servizo na categorización dos establecementos, mais alá dos puramente métricos ou cuantitativos. Neste senso, introdúcense criterios de servizos de cariz prestacional, de confortabilidade, mobiliario e equipamentos das habitacións, acceso aos servizos complementarios, servizos de restauración, servizos de telecomunicacións, entre outros. Así mesmo, introdúcense elementos de flexibilidade na rixidez métrica das superficies esixidas coa finalidade de facilitar a rehabilitación de edificios, a conservación do patrimonio histórico e artístico e unha adecuada adaptación da norma tentando de harmonizalo tanto co resto de normas doutras comunidades autónomas coma coas do noso entorno máis inmediato, en especial coa normativa europea.
Non obstante, a nova regulación turística mantén o sistema de clasificación por estrelas dos establecementos hoteleiros utilizado a nivel internacional dende hai décadas, o que, sen dúbida, constitúe unha garantía de especial importancia para as persoas usuarias turísticas, ao permitirlles asociar o número de estrelas outorgadas en cada establecemento hoteleiro cun determinado nivel de calidade de instalacións e servizos.
Outra das principais novidades que incorpora a dita ordenación é a unha nova categorización, a dos hoteis talaso.
Ordenación dos albergues turísticos
Turismo de Galicia acordou tamén no día de hoxe o decreto que ten por obxecto regulamentar os albergues turísticos como un dos tipos de establecementos nos que se exerce a actividade turística de aloxamento, establecendo os requisitos para a súa clasificación, así como o réxime para o exercicio de actividades e prestación de servizos.
A regulación introduce como principal novidade, a clasificación dos albergues turísticos en dúas categorías: albergue turístico de primeira categoría e albergue turístico de segunda categoría, substituíndo a clasificación por estrelas de unha, dúas e tres estrelas do anterior decreto, que se correspondía coa das pensións.
Outras das novidades é o recoñecemento dunha categoría especial de albergue turístico, os albergues de peregrinos do Camiño de Santiago, caracterizados por estar situados nun área de 3 km en torno ao Camiño de Santiago, xestionados por entidades sen ánimo de lucro e que reúnen como elementos esenciais no desenvolvemento da súa actividade a función hospitalaria ao peregrino.
Así mesmo, para adaptarse á realidade das persoas usuarias turísticas deste tipo de establecementos, nunha elevada porcentaxe peregrinos, establécese para os albergues turísticos un réxime especial que fai unha excepción co establecido con carácter xeral en canto ao réxime de prezos e reservas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración en Galicia, de xeito que se recolle que a xornada iniciarase ás 13:00 horas do primeiro día do período contratado e finalizará ás 10:00 horas do día sinalado como data de saída.
Con esta norma trátase de acadar un incremento na calidade dos albergues turísticos, como establecementos que fan atractivo o noso territorio como destino turístico.
Os dous decretos serán publicados no día de mañá na páxina web oficial de Turismo de Galicia para que casqueira persoa interesada poda realizar aclaracións ou suxestións sobre os mesmos.