Monday 25 de November de 2024

Inés Rey: “A Coruña volve a estar no mapa de investimentos do Estado”


A alcaldesa destaca que a remodelación de Alfonso Molina, que comezará este mesmo verán, é o terceiro gran compromiso do Estado coa cidade en menos dun mes

Pon en valor que a colaboración entre o Concello e o Goberno central permitiu desbloquear infraestruturas pendentes desde hai máis dunha década por valor de máis de 400 millóns de euros

A alcaldesa, Inés Rey, reiterou esta mañá o compromiso do Goberno coa cidade ao desbloquear proxectos e obras que levaban máis dunha década paralizados por valor de máis de 400 millóns de euros.  Destacou que “despois de moitos anos de illamento, a cidade, por fin, volve recuperar o pulso e sentar as bases para deseñar un futuro esperanzador; A Coruña figura de novo dun xeito destacado no mapa de investimentos do Estado”.

A alcaldesa mantivo esta maña unha xuntanza de traballo co delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, na que foi a primeira visita institucional do representante do Executivo central a María Pita. A alcaldesa agradeceulle ao delegado a súa total disposición e a súa colaboración co Concello e puxo en valor o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa cidade, que se reflicte en que “A Coruña ten en marcha investimentos estatais por máis de 400 millóns de euros, a cifra máis elevada nas últimas dúas décadas”.

Rey apuntou que “son investimentos froito do diálogo e do compromiso do Goberno central con esta cidade, un compromiso que lle agradezo a José Manuel Miñones, a quen tamén aproveitei para lle felicitar polo seu recente nomeamento como delegado do Goberno”.

A alcaldesa confirmou tras a xuntanza que o proxecto de remodelación da avenida de Alfonso Molina optará aos fondos de recuperación Next Generation e que este verán comezará a primeira fase deste proxecto, coa construción da pasarela de Pedralonga (1,5 millóns de euros).”Estamos ante o terceiro gran compromiso do Estado coa cidade en menos dun mes que se complementará co impulso que o Estado lle dará á ampliación da Ponte Pasaxe con 48 millóns de euros”, dixo.

A rexedora destacou o importante número de proxectos que o Concello ten sobre a mesa, “moitos deles por fin desbloqueados tras moitos anos de trabas e de debates estériles”. Rey lembrou que o tren a Langosteira será unha realidade grazas a un investimento de 150 millóns de euros: “un proxecto que está xa en Bruxelas e agardamos que pronto estea en licitación”. Para Rey, non se trata dun logro menor, senón un dos investimentos máis relevantes na historia desta cidade. “A conexión ferroviaria é un dos mellores exemplos da cooperación institucional entre o Concello  e o Estado”, dixo. Tamén puxo en valor as xestións realizadas desde o Estado e o ADIF en coordinación co Concello para a impulsar a estación Intermodal, cun orzamento de 47 millóns; “despois de moitos anos falando da Intermodal, será este Goberno o que, por fin, a licite”, destacou.

A rexedora apuntou que tamén se satisfará, tras décadas de espera, unha necesidade das e dos coruñeses desatendida por anteriores Gobernos como é o saneamento da ría do Burgo, que suporá outros 48,6 millóns de euros.

A rehabilitación do edificio da rúa Veeduría (2,5 millóns) ou a xestión dos fondos europeos IDAE (12,6) son tamén algúns dos investimentos previstos. “Son indubidablemente éxitos conxuntos, mais non esquezamos que aínda queda moito por facer para solucionar os asuntos pendentes que quedan na Coruña”, reiterou.

Rey puxo en valor o papel do Estado durante a pandemia cun “escudo social” que permitiu non deixar a ninguén atrás cun investimento de máis de 3.000 millóns de euros, boa parte destinados ás prestacións de desemprego, prestamos ICO, persoas autónomas ou ERTES .

Pola súa banda, o delegado do Goberno comprometeuse a darlles resposta aos retos da cidade. José Miñones apuntou que “A Coruña do futuro está en marcha”, grazas á decisión do Executivo de Pedro Sánchez de desbloquear accións estratéxicas para a cidade e a súa área metropolitana e á colaboración leal do Goberno local da Coruña para acadar a súa materialización. Respecto ao escudo social do Goberno central, apuntou que “nunca antes un goberno fixo tanto por protexer con axudas ás persoas e ás familias”.

E lembrou o compromiso social do goberno de Inés Rey, que foi “pioneiro co Plan de reactivación económico e social, PRESCO, que foi referencia para moitos outros concellos do Estado”.