Saturday 16 de November de 2024

A semana que vén comezan as camiñadas parroquiais por San Sadurniño


Pouco a pouco e con moita precaución vai retomándose a actividade nas áreas de Cultura e Deportes que, tal e como se avanzou xa no boletín Novas, están poñendo a andar outra vez os programas interrompidos a raíz da terceira vaga da pandemia. As escolas de gaita e pandeireta xa volveron aos ensaios en grupos reducidos, tamén regresou a actividade física aos xardíns municipais -con reserva a través do 672 942 426- e a partir da semana que vén iniciarase o programa semanal de paseos por cada unha das parroquias do municipio que se prolongará todos os venres até o 18 xuño. Serán camiñadas de baixa dificultade que sairán dos distintos locais sociais sempre ás16.00h. e é necesario anotarse previamente nese mesmo teléfono.

As andainas parroquiais son xa unha tradición no programa anual do Concello e ofrecen a posibilidade de gozar do aire libre ao tempo que se fai un exercicio suave e moi saudable recomendado para calquera idade, aínda que pensando principalmente en persoas que por idade ou por recomendación médica precisan percorridos curtos e doados.

Ese é o motivo de que se adoiten deseñar paseos circulares de non máis de 4 quilómetros, preferentemente por terreo chan ou con escasa pendente -algo difícil nalgunhas zonas do noso territorio-, por zonas dun certo valor ambiental ou patrimonial e, en todo caso, que poidan facerse sen demasiado esforzo en non máis de unha hora e media, xa que do que se trata é de moverse, non de baldarse.

As saídas están fixadas para as 16.00h. dos locais sociais de cada parroquia os venres desde o 7 de maio até o 18 de xuño. Apuntade por onde se camiñará cada día:

7 de maio – Ferreira (local da Seara)
14 de maio – Lamas (local do Chao)
21 de maio – Naraío (pista polideportiva)
28 de maio – Santa Mariña (local da Golpilleira)
4 de xuño – San Sadurniño (Casa da Cultura)
11 de xuño – Bardaos
18 de xuño – Igrexafeita
O desenvolvemento desta actividade estará condicionado polas restricións aos grupos máximos de persoas que sexan de aplicación nese momento.

Curso en liña sobre a xestión post-COVID dos clubes deportivos
En relación coas repercusións da pandemia sobre o deporte, cómpre recordar que no serán deste xoves se desenvolverá por videoconferencia o curso sobre o deseño de plans de continxencia para a xestión post-COVID de clubes e entidades deportivas, organizado pola AGAXEDE -a asociación formada polo persoal de xestión deportiva de Galicia- e o Concello.

A sesión achegará as directrices básicas para a elaboración do plan de continxencia, así como as pautas para ir volvendo á actividade, os protocolos preventivos obrigatorios e a definición da figura da persoa responsable COVID-19, encargada de supervisar a aplicación efectiva do plan de prevención.

Para impartir a xornada, a AGAXEDE convidou a Joan Celma, exdirector do Club Natación Terrassa, ademais de experto en management deportivo en España e autor de varios manuais de xestión de instalacións e proxectos relacionados co deporte.

O curso está orientado a persoal técnico e directivo dos clubs e entidades deportivas de San Sadurniño, pero tamén a persoas asociadas a AGAXED. As persoas participantes na formación recibirán un diploma certificado pola Escola Galega do Deporte, a AGAXEDE e a FAGDE.