Friday 22 de November de 2024

O Concello abre o proceso para a contratación dun técnico/a de igualdade e de tres de turismo


Todos os procesos están subvencionados pola Deputación da Coruña.

O posto de axente de igualdade non estaba cuberto nos últimos anos.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases dos procesos para a contratación dun técnico ou técnica de igualdade e doutros tres para a oficina de turismo municipal, todos subvencionados a través da Deputación da Coruña.

O posto do axente de igualdade non estaba cuberto nos últimos anos e entre as súas funcións destacan a detección de necesidades en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero; información, orientación e asesoramento; realización de proxectos de dinamización de políticas de igualdade; fomento do asociacionismo ou desenvolvemento de obradoiros de igualdade nos centros escolares e tamén dirixidos ao eido rural. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro (presencial, a través da sede electrónica, por fax ao número 981736319 ou por correo a correo@camarinas.net) ata o 9 de maio.

Para a contratación de técnicos ou técnicas de turismo ábrese un proceso para a contratación dunha persoa a tempo completo e outro para outras dúas a tempo parcial. Entre as súas funcións estará a apertura e atención do Servizo de Información Turística de Camariñas. O horario será en tempada alta (xuño, xullo, agosto e setembro) de 10.30 a 14.00 horas e 16.30 a 20.00 horas todos os días, fins de semana e festivos incluídos. Fóra da tempada alta de 10.30 a 14.30 horas e 16.00 a 19.30 horas os fins de semana e festivos. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro (presencial, a través da sede electrónica, por fax ao número 981736319 ou por correo a correo@camarinas.net) ata o 9 de maio.