O vicepresidente primeiro subliña que o Goberno central ten débedas pendentes cos galegos a maiores dos traspasos de competencias que se van reclamar na Comisión Mixta
Nunha comparecencia no Parlamento de Galicia, Alfonso Rueda pediu “respecto” para a comunidade autónoma e lamentou que o secretario de Estado de Seguridade manteña unha reunión para acordar o plan de seguridade do Xacobeo 21-22 sen contar coa Xunta
A Xunta seguirá reclamando perante o Estado as competencias que Galicia necesita, pero esixirá que as transferencias cheguen acompañadas da financiación necesaria para asumilas e que o Goberno central salde as débedas pendentes coa comunidade autónoma; entre elas, os 204 millóns do IVE do ano 2017.
Na súa resposta a unha interpelación no Parlamento de Galicia, o vicepresidente primeiro recordou que o Goberno galego nunca deixou de reclamar as competencias que lle corresponden a Galicia para seguir avanzando no autogoberno sempre dentro do marco establecido pola Constitución española e polo Estatuto de Galicia.
Con todo, Alfonso Rueda recordou na Cámara galega que Galicia ten hoxe en día outras prioridades que reclamar perante o Goberno central, como o cobro da débeda do IVE do ano 2017, os compromisos pendentes coas infraestruturas, o apoio ao tecido industrial e produtivo e a mellora dos servizos públicos do Estado na comunidade.
En concreto, o vicepresidente primeiro referiuse no Parlamento de Galicia á recente sentenza do Tribunal Supremo que deu a razón a Castela-León na súa reclamación do IVE pendente do ano 2017. Tendo en conta que Galicia fixo unha demanda similar, Rueda reiterou a necesidade de que o Goberno central devolva á Xunta os 204 millóns que lle corresponden antes de que se pronuncien os tribunais.
De convocarse a Comisión Mixta que reclama a Xunta, o Goberno galego esixirá novas transferencias “sempre que sexan útiles e sempre que melloren a xestión”, xa que “a clave para mellorar o noso autogoberno non é ter máis competencias por ter, senón exercer as que se teñen”, indicou Rueda.
Con ese obxectivo, Galicia esixirá a financiación necesaria para poder xestionar os traspasos, e para iso pediu ao Goberno central “vontade de diálogo e acordos con Galicia” deixando de lado agravios comparativos entre comunidades autónomas.
Respecto por Galicia e polo seu goberno
Alfonso Rueda subliñou que para que se dea ese diálogo ten que haber “respecto” por parte do Goberno central a Galicia, e lamentou que, en contra dese necesario talante, o Goberno que representa a todos os galegos non fose convocado á reunión que hoxe mantivo o secretario de Estado de Seguridade, Rafael Pérez, para acordar o plan de seguridade do Xacobeo 21-22. “O autogoberno consiste en ser respectados”, recalcou o vicepresidente.
Na negociación dos transferencias, o Goberno galego dará prioridade a demandas históricas como son o traspaso da AP-9 e o do dominio público marítimo-terrestre, sen esquecer outras pendentes desde hai máis dunha década ou as que xurdiron posteriormente.
Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis traspasos acadados, cun total de 154 transferencias desde o ano 1978.