A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fai públicas as conclusións do seu noveno informe anual sobre a situación acústica da Comunidade coincidindo coa celebración do Día internacional de concienciación sobre o ruído
Os datos recollidos pola rede de estacións da Xunta indican que nos índices de ruído máis representativos acadáronse diminucións de ata o 50% respecto a 2019
O ano 2020 deixou en Galicia rexistros históricos en canto á redución do ruído ambiental. As medidas adoptadas fronte á covid durante o estado de alarma tiveron un impacto directo sobre a contaminación acústica ata o punto de que nas estacións máis representativas da Rede de ruído da Xunta acadáronse valores con diminucións de ata un 50% respecto ao ano anterior para os principais índices que se utilizan como referencia.
Esta é a principal conclusión do informe anual da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre a situación acústica en Galicia durante 2020 e que acaba de facerse público hoxe, coincidindo co Día internacional da concienciación sobre o ruído, unha efeméride que se celebra o último mércores de abril desde hai máis de dúas décadas.
Segundo os datos recompilados, a situación de excepcionalidade derivada da covid tivo un impacto a nivel acústico inmediato, con consecuencias ambientais tamén sobre o nivel de ruído do conxunto do ano. Así, coincidindo cos estadios iniciais da pandemia o informe subliña que se observou en Galicia unha “tendencia de caída abrupta” na contaminación acústica, á que seguiu un aumento gradual conforme a situación se normalizaba.
As medidas tomadas fronte a situación de emerxencia sanitaria (fundamentalmente os sucesivos estados de alarma, os meses de confinamento e o toque de queda) produciron durante varias semanas rexistros históricos de redución do ruído ambiental en Galicia.
Neste sentido, cómpre subliñar que os valores acadaron diminucións puntuais de entre un 70% e un 75%, segundo a estación de referencia, e do 50%, no conxunto do confinamento, para as estacións de maior actividade, como son ás de Vigo e Ourense.
En definitiva, o Informe de ruído ambiental -o noveno que elabora ata o momento e o sexto de carácter obrigatorio desde a aprobación do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia– conclúe que a excepcionalidade das medidas adoptadas pola covid contribuíron de forma determinante a que 2020 resultara o ano coa mellora ambiental máis salientable en canto aos niveis sonoros rexistrados na Comunidade.
Tráfico, ocio e fenómenos naturais
Habitualmente, o tráfico, os eventos de ocio e os fenómenos meteorolóxicos son, por orde de importancia, os principais axentes de contaminación acústica. No informe realízase tamén unha análise anual e histórica dos datos obtidos en todas as estacións que compoñen a rede galega, a comparativa entre eles e a incidencia de fenómenos puntuais.
Neste sentido, da análise do ruído ambiental en 2020 conclúese que houbo unha diminución significativa dos índices de ruído debido á redución do tráfico rodado e, en casos puntuais, á non celebración das festas habituais en certas zonas. O caso máis claro é o da estación de Coia, en Vigo, onde a redución foi dun 85% respecto á serie de referencia e que, por primeira vez, cumpriu cos valores normativos.
Cómpre lembrar que o ruído ambiental vén determinado polos índices de nivel de presión sonora que se definen segundo o período do día e por rangos estatísticos. Neste sentido, a contaminación acústica é unha das alteracións ambientais que máis preocupación social produce. Así, estímase que en Europa dúas de cada tres persoas están sometidas a niveis de ruído molestos que repercuten na calidade de vida, chegando a causar diversos trastornos –sobre todo de tipo cognitivo entre xente moza por alteracións do sono, ou arterial no caso dos adultos- e os seus efectos supoñen un gasto socioeconómico importante.
Galicia, pioneira
Galicia foi unha das comunidades pioneiras na regulación da contaminación acústica. De feito, hoxe en día conta cunha Rede de ruído integrada por oito estacións con sonómetro, representativas todas elas dunha cidade tipo galega: Avenida Fingoi (Lugo); Campolongo (Pontevedra); Campus universitario e San Caetano (ambas en Santiago); Coia (en Vigo); Estación de autobús e tren (Ourense); Parque Raíña Sofía (Ferrol); e Riazor (A Coruña).
Para a análise de ruído ambiental tómase unha equivalencia aproximada entre as estacións e as posibles zonas acústicas xenéricas, en función do emprazamento no que se localizan e atendendo ás súas características sonoras. Así, no caso galego estableceuse a seguinte clasificación orientativa estación-zona acústica: zonas de alta densidade de tráfico, que se corresponderían coas estacións de Ourense e Coruña; zonas residenciais, que serían as de Lugo e a estación viguesa de Coia; zonas verdes, Campolongo, Parque Raíña Sofía e San Caetano; e zona de protección especial por uso docente e cultural, Campus de Santiago.
En todo caso, a aplicación da lexislación sectorial relacionada coa contaminación acústica é maioritariamente competencia dos concellos, sendo responsabilidade autonómica a información ambiental: niveis de ruído ambiental que se dan en Galicia a través da elaboración dun informe anual, actuacións lexislativas e de zonificación, e seguimento dos mapas de ruído e dos plans de acción que se leven a cabo a nivel autonómico.
Neste sentido, en decembro de 2018 a Xunta aprobou un modelo de ordenanza tipo para facilitar tecnicamente aos concellos o exercicio das súas competencias en materia de ruído, en concreto no que se refire á tramitación e aprobación dun marco regulador propio sobre o modo de previr, vixiar e reducir a contaminación acústica nos seus respectivos municipios, evitando danos para a saúde humana, os bens ou o medio ambiente.