Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño investirá 120.000 euros na mellora da accesibilidade e da cancha do pavillón municipal


O Concello de San Sadurniño ten xa listo o proxecto técnico onde se recolle a remodelación dos accesos ao pavillón municipal, así como a cobertura da cancha cun novo pavimento homologado segundo a normativa UNE e as esixencias federativas internacionais. O importe total dos traballos está cuantificado en un chisco máis dos 120.000 euros que a Administración local asumirá con fondos propios e cunha achega de 46.000 euros da Xunta de Galicia. O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, confirmou a participación económica do seu departamento nunha visita que fixo esta mañá a San Sadurniño para reunirse co alcalde, Secundino García, e tamén co equipo e a directiva do Club Deportivo Aldebarán.

As obras que se desenvolverán no pavillón teñen por obxectivo, en primeiro lugar, mellorar a accesibilidade ao recinto. Neste momento a entrada principal está situada na fachada norte do edificio e para chegar a ela é necesario cruzar o portal e o aparcadoiro do CPI, logo baixar unha pequena pendente e, finalmente, pasar por un corredor que leva a unha das bancadas laterais, pero sen posibilidade de ir sentar á outra a menos que se rodee todo o interior.

Ese é o motivo de que, como alternativa, nos últimos tempos se estivese utilizando como entrada unha porta de emerxencia situada na esquina sur do pavillón que, porén, ten o inconveniente de non ser axeitada para persoas en cadeira de rodas ou coa mobilidade reducida.

O novo proxecto deseñado pola arquitecta municipal, Montserrat Ruiz, propón abrir unha porta principal en condicións que iría situada no centro da fachada sur das instalacións, de maneira que se entraría no pavillón directamente desde a nova rúa que conecta o Centro de Saúde con Marqués de Figueroa. O cambio tería unha vantaxe de mobilidade e accesibilidade engadida, posto que, ao entrar, o público xa quedaría ao nivel da bancada principal -situada con este novo acceso á esquerda- e, ademais, aforraría ter que dar toda a volta para ir sentar á bancada situada en fronte.

Porén, o cambio non se cingue unicamente a unha nova porta, senón que tamén se construirá unha pérgola duns 35 metros de lonxitude que cubra tanto ese acceso como a entrada ao patio cuberto do CPI. Deste modo garantirase que en días de chuvia a rapazada do centro de ensino non teña que agardar polo transporte á intemperie. Ambos espazos comunicaranse mediante unha rampa continua e co desnivel máximo que indica a normativa de accesibilidade.

O ramo á actuación poráselle instalando iluminación led, pintando a fachada sur do pavillón e do patio cuberto e, por último, colocando dun distintivo cos aros olímpicos e o nome do Concello de San Sadurniño para identificar desde fóra o edificio.

Renovación da pista polideportiva
Outra das partes recollidas no proxecto técnico consistirá no cambio da superficie de xogo. Estenderase un pavimento deportivo de PVC multicapa de 7 milímetros de grosor que ofreza maior capacidade de absorción dos impactos. Deberá cumprir coas correspondentes certificacións da normativa UNE e, ademais, dispor -como mínimo- da homologación esixida polas federacións internacionais de baloncesto, volei, balonmán e bádminton.

A renovación da pista e as obras de accesibilidade están orzamentadas en 120.094,50€. O Concello habilitará unha partida no orzamento para acomodar a súa execución, tirando para iso de recursos propios. Ademais tamén se agarda obter unha achega de 46.000 euros da Xunta, tal e como comprometeu hoxe mesmo o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, nunha visita efectuada a San Sadurniño para reunirse co alcalde e tamén con representantes do Aldebarán Intasa de volei.

Na xuntanza co Aldebarán -precedida dun breve encontro con parte do equipo- Lasa felicitou ao clube polo seu recente ascenso e reiterou o compromiso do seu departamento para continuar colaborando co proxecto deportivo que desenvolve.